Santiago, 31 de xullo de 2014.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, agradeceu este xoves ao ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, e ao Goberno de España que atendesen as singularidades de Galicia para facer posible que a nosa Comunidade teña sete tribunais de instancia, mantendo, ademais, todos os partidos xudiciais e sen pechar ningún xulgado.
Tras o encontro que esta mañá mantivo no Pazo de Raxoi co titular de Xustiza do Executivo central, Feijóo asegurou que para Galicia hoxe é “un día moi importante, porque vimos que hai un Goberno que entendeu e que aceptou os feitos, e eses feitos son que Galicia pode ter sete tribunais de instancia, un en cada capital de provincia, e outro en Vigo, outro en Ferrol e outro en Santiago”. Segundo afirmou o mandatario galego, os requisitos fixados polo Ministerio de Xustiza para que, cando entre en vigor a reforma xudicial en marcha, poida existir máis dun tribunal de instancia por provincia, cúmprense nas sete principais cidades galegas.
Xunto con isto, o presidente da Xunta celebrou que o Goberno atendese outra das consideracións formuladas desde Galicia, referida ao mantemento dos partidos xudiciais existentes. Estes, sinalou, “obedecen a unha tradición xudicial, a unha tradición xurisdicional e a unha vocación que entendemos que debe permanecer”, a pesar de que se introduzan as “flexibilidades” necesarias. Nese sentido, indicou que “do mesmo xeito que, se hai unha lista de espera nun hospital, un paciente pode ir a outro, se hai un xulgado que ten moitos asuntos, loxicamente, eses asuntos poden derivarse a outro para que o principio de tutela efectiva sexa máis eficaz”.
En terceiro lugar, subliñou que a formulación galega de que se manteñan todos os xulgados abertos na Comunidade fose tamén atendida polo Ministerio e vaia ser posible dentro da reforma da Xustiza.
O titular da Xunta incidiu no agradecemento ao ministro e ao Goberno de España en nome do Executivo autonómico, así como no de todos os axentes sociais e dos profesionais do sector, “por estudar, valorar, reflexionar e atender as propostas obxectivas de Galicia e aceptar que poidan formar parte do proxecto de lei orgánica que se tramite nas Cortes Xerais”.
Na súa intervención, Alberto Núñez Feijóo puxo en valor que acometer a reforma xudicial era unha materia pendente desde hai moito tempo e que constitúe “un paso necesario, un paso valente e un paso difícil”, polo que felicitou ao Ministerio de Xustiza por decidirse a levala a cabo.
Resaltou que Galicia coincidiu sempre co Goberno central na necesidade de abordar esa misión de xeito completo, indo máis alá da dotación de medios e reformando tamén a organización xudicial e manifestou a vontade da Xunta de participar activamente no proceso.
Nese marco situou as alegacións formuladas polo Goberno autonómico, coincidentes coas do sector (Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Fiscalía Superior, Secretaría de Goberno, Consellos da Avogacía e Procuradoría de Galicia, así como as organizacións sindicais). O informe remitido ao Ministerio, concretou, baséase na necesidade de recoñecer as singularidades territoriais e de que calquera decisión que incida na distribución territorial dun servizo público non pode ter en conta unicamente a división administrativa.
Feijóo lembrou que non é a primeira vez que o ministro de Xustiza atende as reivindicacións da Comunidade galega xa que o fixo, tamén, cando deu resposta á petición de endurecemento das penas aos incendiarios.














Arxentina de nacemento e viveirense de corazón, retomou en Galicia a súa vocación artística e atopou na escultura a súa forma de expresión. A súa obra céntrase en figuras humanas cargadas de emoción, en soidade ou en relación cos outros. A exposición reúne pezas seleccionadas e premiadas en certames de Madrid, Barcelona, Valdepeñas e Florencia nos últimos oito anos, que agora regresan —como a súa autora— á casa. Poderá visitarse ata o 29 de agosto.
Villares gabou o traballo do club Val de Francos, “que en tempo récord logrou situar esta cita entre as máis atractivas da provincia para os afeccionados á hípica”. Neste sentido, destacou a proxección que está a gañar este deporte e o impulso que recibe da Xunta, principalmente a través dun convenio coa Federación Hípica Galega polo que destina máis de 80.000 euros para as actividades a desenvolver este ano. A proba discorrerá por camiños forestais de terra, a excepción dos cruces de estradas, e constará de tres modalidades, con distancias de 80, 60 e 40 quilómetros respectivamente.
A clasificación final quedou do seguinte xeito: en Sub-10, Los 5 FC proclamáronse campións, seguidos de Los Balones; en Sub-12, o primeiro posto foi para Aston Birra, seguido de Minavo de Kiev e The Blues Bananas; en Sub-15, o equipo Piti levou o título, seguido de PDC e Camoca; en Sub-17, PDC acadou o primeiro posto, por diante de Papa Cu Leti e Motototo; e na categoría Sénior, Motototo resultou gañador, seguido de Descansa e Texeira Lima. As medallas foron entregadas pola alcaldesa, Dolores García Caramés, acompañada polos concelleiros José Manuel Balseiro e Alfredo Fernández, que felicitaron a todos os participantes polo seu esforzo e deportividade.
As reservas poderán realizarse por teléfono, chamando ao 982 560 162, ou a través do correo electrónico cultura@viveiro.gal, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Cada persoa poderá solicitar un máximo de catro entradas. Desde o Concello de Viveiro anímase á veciñanza a asistir a esta representación e lembra que as reservas se atenderán a partir da apertura do prazo.
A clasificación final situou a Braulio Gayoso (TM Luarca) como gañador, seguido de Eugenio Alonso (CD San Ciprián), e dun terceiro posto compartido por Carlos Ron (Atletic Génova TM) e Domingo Larriety (TM Luarca). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e destacou o éxito dun torneo que xa se consolidou como unha cita imprescindible do calendario deportivo estival. O Concello felicita aos gañadores, a todos os participantes polo alto nivel amosado durante a xornada e ao CD San Ciprián pola excelente organización dun evento que continúa reforzando o seu papel como referente do tenis de mesa no norte peninsular.
Durante o evento realizouse unha ofrenda aos mariñeiros falecidos e, seguidamente, tivo lugar a subida da imaxe da Virxe do Carme ata a Igrexa. Esta última xornada continuou cunha misa solemne, á que asistiron numerosos veciños e visitantes que se achegaron ata a localidade mariñá, seguida da procesión acompañada pola Banda Naval e de actuacións musicais. A programación completarase a partir das 17:00 horas con diferentes actividades para os máis cativos e cativas.
Estará dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, xa que neste 2026 cúmprese o centenario do nacemento de quen fora presidente do Goberno. No acto interviñeron o presidente do RCNR, Pablo Fernández, o director territorial de Deportes da Xunta, Manuel Otero, un dos fillos do tamén alcalde honorario de Ribadeo Víctor Calvo-Sotelo, e o rexedor ribadense, Dani Vega. Todos exaltaron a práctica deportiva na ría, a labor desenvolvida polo Real Club Náutico e a vinculación de Leopoldo Calvo-Sotelo co estuario. Entre o público asistente estaban máis membros da familia Calvo-Sotelo, directivos e ex directivos do RCNR, edís de Ribadeo e representantes de Acisa.



