“Menos samba e máis traballar”. O dito brasileiro seica o transformou alguén por aquí na primeira parte; tal cousa din, alomenos, os datos estatísticos.
O INE estimou que, no remate de 2013 o custo salarial por traballador/a e mes quedou en Galicia en 1.778,2 euros brutos; o promedio estatal foi de 1.995.7 euros (un 12,2% máis que o galego). Quedou un 35,4% por riba do galego o País Vasco, un 31% Madrid, un 20% Cataluña ou un 18% en Navarra.
No tocante á xornada laboral por traballador/a, Galicia está nesa estatística do INE por riba do promedio español nos tres aspectos analizados: horas pactadas (a segunda comunidade autónoma, só por detrás de Madrid), horas efectivas de traballo (terceira comunidade, tras Madrid e Castela – A Mancha) e horas non traballadas (cuarta comunidade).
A ninguén se lle escapa que se a base da competitividade dunha nación estivese en pagar menos á súa poboación asalariada ou en facer que traballen máis tempo por un mesmo soldo, estarían á cola do mundo Noruega, Suíza e outros Estados moi desenvolvidos economicamente.
“Traballar coma chinos” foi un consello que deu un coñecido dirixente da patronal española que agora anda na cadea por varios delitos económicos, supoño que á espera de que vaian entrando moitos ex-altos cargos de Caixas de Aforro, persoas da trama Gürtel, das que se repartiron millóns de euros en Andalucía a conta dos EREs, algún “honorable” ex- presidente da nación catalana e de algunha outra comunidade (balear…), entre outros candidatos que penso que fixeron méritos de abondo para pasar unha temporada na sombra (unha vez devolto o esquilmado, coa súa multa correspondente, que esa é outra…).
Os alicerces da produtividade dunha nación non están en pagar menos salarios a unha poboación asalariada cada vez menor; están no investimento en formación, en investigación, desenvolvemento e innovación (I+ D+i), boa xestión empresarial; en definitiva, en ser quen de establecer un modelo produtivo que xere o maior valor engadido e o reparta equitativamente, facendo á poboación asalariada partícipe desa melloría económica.
Pasemos do traballado pola poboación asalariada á achega á creación de riqueza polo conxunto da poboación ocupada. O valor dos bens e servizos que producimos mídese co Produto Interior Bruto (con perdón polo de Bruto!) que, dividido entre a poboación, dá o PIB por habitante.
Como andamos comparativamente en Galicia? En 2013, o noso PIB per capita foi de 20.399 euros, fronte á media estatal de 22.729.
Que comunidades autónomas están por riba do promedio estatal? De maior a menos PIB por habitante, País Vasco, con 29.959 euros, Madrid, con 28.915, Navarra, 28.358, Cataluña, 26.666, A Rioxa, 25.277, Aragón, 24.732 e Baleares, 23.446 euros.
Hai que facer un esforzo colectivo para que as nosas potencialidades (en recurso naturais e humanos) dén pulo a unha sociedade máis rica e cun reparto máis xusto desa riqueza.
O “abc” comeza, claro, por non seguir a destragar o noso capital humano, por darlle unha saída produtiva á xeración mellor formada da nosa historia que non siga a pasar pola emigración forzosa ou a explotación laboral con máis e máis contrato de prácticas con soldos ínfimos.
O INE contabilizou na EPA do primeiro trimestre de 2014 un total de 763.900 persoas asalariadas en Galicia, nada menos que ¡147.000 menos que no mesmo trimestre de 2008! En horas traballadas (…e pagadas), a destrución foi moito maior, porque a contratación laboral medrou sobre todo na modalidade de tempo parcial, anque moitas veces en realidade deberíamos chamalos a soldo parcial, porque o horario estírase e estírase ata chegar á xornada completa.
Menos samba e máis traballar?
















A festa, organizada pola Asociación Alameda co apoio do Concello de El Franco, inclúe unha mesa redonda o venres 28 en El Fornello e, xa o sábado, un taller de baile infantil ás 21:00 h seguido das actuacións de El Cabazo, Herbamora, Dervish, Felpeyu e Ochobre. El Franco destaca o valor desta tradición e anima a veciños e visitantes a participar nun evento que leva máis de catro décadas celebrando música, baile e patrimonio cultural.
O público poderá desfrutar dunha proposta que parte da música tradicional galega, combinando a gaita e as frautas con instrumentos como o violín, acordeón, guitarra, baixo ou percusión, nunha mestura de tradición e modernidade cun marcado carácter atlántico e celta. A actuación, con entrada libre, ofrece unha noite para gozar da música galega en directo e seguir achegando a cultura e a tradición aos espazos públicos do municipio.
Unha xornada de convivencia que comezará ás 11:30 h na Alameda, con misa de campaña, sesión vermú, comida, sorteo e festa ata as 19:00 h. A principal novidade é o menú con paella, sobremesa, bebida e café. Para participar é preciso vale: 7 € para persoas empadroadas e 10 € para non empadroadas e acompañantes, dispoñible nas oficinas municipais, onde tamén se pode solicitar transporte. Senllos concellos animan á veciñanza maior a sumarse a esta cita de encontro e recoñecemento.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Foi a unhas oito millas de Estaca de Bares. O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso arredor das 22:30 horas deste luns a través do Servizo de Gardacostas de Galicia, que indicou que se mobilizaba o helicóptero Pesca II logo de que se producise lume nun barco, con tres tripulantes a bordo. Porén, os mariñeiros foron evacuados do lugar a través dun pesqueiro que se atopaba na zona para, posteriormente, ser trasladados en ambulancia. Por outra banda, o barco finalmente afondou no mar. Cómpre mencionar que neste operativo tamén participaron Salvamento Marítimo e a Garda Civil.
Esta actividade, organizada polo Concello de Lourenzá, será na praza César Chavarría Pacio e haberá tres funcións: ás 13:00, ás 18:30 e ás 20:00 horas. A entrada é de balde por orde de chegada ata completar aforo. A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, destaca que “a maxia é unha desas propostas que sempre ten unha acollida moi especial en Lourenzá. Gusta aos pequenos, pero tamén consegue sorprender e ilusionar aos maiores, converténdose nun plan perfecto para gozar en familia”.
Ata a Cedofestiña, que tivo lugar onte no Pazo de Cedofeita, se achegaron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo. O Concello colaborou unha edición máis coas Vacas Fracas.



