LUGO, 9 DE SETEMBRO DE 2014.- O secretario de Política Municipal –Álvaro Santos-, e os alcaldes do PSOE esixiron este martes á Xunta de Galicia a supresión do incremento do canon de Sogama, de tal xeito que este se estableza na contía anterior, é dicir, nos 61,5 euros (IVE incluído) e, no caso de non querer facelo, que este se estableza en función da realidade económico-financieira da Sociedade. Os socialistas adoptaron esta posición, logo de que coñecer que as contas de Sogama demostran que os motivos cos que o Goberno galego xustificou o incremento do 34% da taxa agochan a intencionalidade de xerar un beneficio “esaxerado e innecesario” para a empresa pública Gas Natural; entidade que, na actualidade, ten o 49% da participación da Sociedade.
A administración autonómica, propietaria do 51% de Sogama, incluíu no Orzamento de 2014 o Plan de Viabilidade da Sociedade Galega de Medio Ambiente, anunciando que remataría o pasado exercicio cunhas perdas millonarias. Esta previsión foi o que amparou a decisión do Goberno galego de subir o canon polo tratamento do lixo nun 33,4%, e pasar de 61,5 a 82,10 euros por tonelada (IVE incluído), e que para os cidadáns da provincia de Lugo supón un custo anual de 1,7 millóns de euros.
Pero, agora sóubose que, dos 4 millóns de euros que Sogama calculaba perder o pasado ano, as perdas non sumaron nin un millón desta taxa (614.037 euros. É dicir, a Sociedade tivo un 85% menos de caída de beneficios na previsión realizada pola administración autonómica. Ante tal desfase, o secretario de Política Municipal considera que o Executivo de Feijóo “ten que actuar, pois non é preceptivo este incremento esaxerado, demostrándose que a situación económica desta entidade, e que apoiou e defendeu a Xunta, non se axusta á realidade da súa situación financieira”.
“Avaliación seria e rigorosa”
Deste xeito, “e porque non foron capaces nin tan sequera de facer unha previsión do desenvolvemento económico”, o Partido Socialista solicita que se realice unha “avaliación seria e rigorosa”, a través dunha auditoría externa que recolla a situación real económica de Sogama. Asimesmo, e dado que o canon recae directamente “no peto do cidadáns” e forma parte “do empeño da Xunta de timar aos concellos para paliar a deficiente xestión de entidades coma esta”, piden que na aplicación do mesmo non se teña en conta os préstamos subrogados, e a taxa se estableza en función da realidade económico-financieira e “sen enganos”.
“O que cómpre neste caso –destacou Álvaro Santos- é que o Executivo de Feijóo e Gas Natural procedan a facer unha ampliación de capital da Sociedade polo importe dos préstamos que permita a súa devolución “sen necesidade de cargarlla ás entidades locais e aos veciños”. Estes créditos superan os 25 millóns de euros. Destes, a administración galega achegou máis de 13 millóns e Gas Natural 12,6.
Reponsabilidade de FEGAMP
As contas revelan un claro escurantismo na xestión, de aí que os socialistas apelen á responsabilidade da FEGAMP. Concretamente, pídenlle que “funcione como defensora dos concellos e non como escudo do Goberno galego, asumindo e calando esta situación”, que xa foi cualificada polo Consello de Contas “como inadecuada”.
“Este non é un tema baladí. Afecta a todos os cidadáns. É responsabilidade da administración pública é da empresa asumir o risco dos seus investimentos porque co incremento do canon, Sogama sería capaz de xuntar os cartos para devolver os préstamos en dous anos, incluso antes da data de vencemento dos mesmos”, engadiu o secretario de Política Municipal.
Por todo elo, o alcalde de Becerreá –Manuel Martínez-, quen neste caso actuou como voceiro dos rexedores afectados, destacou que os concellos socialistas seguirán sen pagar o aumento ata que a Xunta rectifique. “No seu momento xa pedimos o informe financieiro e denegáronnolo. Foi a primeira vez que se fixo tal cousa, polo que xa nos fixo desconfiar. O que ten que facer a FEGAMP é defender ás persoas que viven nos concellos, pois que nos saibamos cando a a empresa semipública tivo beneficios nunca se nos baixou o recibo. Feijóo e Rajoy minten as 24 horas durante toda a semana. Están vivindo á costa nosa, parasitando ás entidades locais”, afirmou.
Por iso, o rexedor considera que “o papel a FEGAMP esta a ser un papel triste e vergoñento. Xa o fixo coa Lei de Sostibilidade e aquí volve a facer o mesmo, defendendo á Xunta cun plan económico que se demostrou que é falso, e todo iso para xustificar unha presuntas perdas. O Sr. Alcalde de Ferrol ten que deixar de defender ás políticas sectarias do Goberno galego. Por certo, tamén estamos agardando que din ao respecto á Sra Conselleira de Infraestruturas e incluso os concellos do PP. Pedimos que se respecten os convenios e que se negocie connosco as decisións que se van tomar”, destacou.
O custe do canon na provincia
Coa decisión “unilateral” da Xunta de aumentar o canon, os cidadáns da provincia vense obrigados a pagar cada ano preto de 1,7 millóns de euros. Este aumento, que implica un novo imposto para os lugueses, é a maior suba da historia que experimenta a xestión do lixo. O Executivo de Feijóo decidiu, por vontade propia, aumentar este canon, pasando de 56 a 75 euros por tonelada tratada; cantidade á que, a maiores, hai que engadir o importe do IVE. Deste xeito, con este incremento, as 135.891 vivendas da provincia que aparecen rexistradas no Instituto Nacional de Estatística (INE) están obrigadas a desembolsar por este servizo 12 euros máis ao ano.
É, por este motivo, e dado que se demostra que o aumento do canon non cumpriu os obxectivos para o que foi creado, polo que os socialistas esixen ao Goberno galego que retroceda na súa decisión e deixe de enganar aos cidadáns, xa que esta suba se debe –indicaron- á decisión do Goberno Central de suprimir as primas para a xeración de enerxía renovable e á da Xunta de anular o plan do bipartito. É dicir, é unha decisión política a que causa este aumento.