16 de abril de 2015.- Os IES Alfoz-O Valadouro e Monte Castelo convertéronse nos grandes triunfadores do Festival Audiovisual da Mariña Imaxiña 2014. A Fundación Imdecum deu a coñecer na tarde deste xoves os nomes dos gañadores na casa da cultura de Ferreira do Valadouro, nun acto que contou coa presenza da concelleira de Cultura, María José Fernández, e os fotógrafos mariñáns Héctor Manasé e María G. Mesa, ademais do presidente do entidade, Marcelino Luna, acompañado por Juanma Marrube, responsable da área de Deporte na fundación.
A edición de 2014 resolveuse con dobre premio na categoría de Fotografía, cunha instantánea de campo, cun parella de animais moi especial como protagonista, de Raúl Sánchez Fernández, de 3ª ESO do IES Alfoz-O Valadouro, e coa imaxe dun faro, de Javiera Duarte Araya, de 2º BAC do IES Monte Castelo. Tamén resultaron finalistas traballos de Sandra Gómez Daura, de 3ª ESO do IES Alfoz-O Valadouro, e de Andrés Álvarez Rodríguez, de 2º BAC do IES Ribadeo. O xurado do concurso decidiu declarar deserta a vertente de Vídeo.
Na entrega de premios, Marcelino Luna salientou “o éxito da cuarta edición do festival audiovisual, cunha gran resposta da xuventude da Mariña que nos ofrece unha variedade sen fin da súa particular visión da bisbarra”. “O Imaxiña 2014 reuniu a máis de 500 alumnos de sete centros de ensino da bisbarra en torno aos medios audiovisuais; foi unha edición onde destacou, ademais da calidade e creatividade fotográfica, a gran resposta do alumnado, sobre todo do IES Alfoz-O Valadouro” explicou o presidente de Imdecum. Así mesmo, agradeceu a colaboración na iniciativa de Héctor Manasé e Marián G. Mesa, “dous fotógrafos de referencia na Mariña cunha gran proxección no mundo da imaxe artística e xornalística”, así como o apoio na actividade da Área de Cultura da Deputación de Lugo e do Concello do Valadouro pola cesión das instalacións.
O acto clausurouse coa inauguración da exposición dunha escolma dos traballos presentados en 2014, xunto aos de finalistas e gañadores de 2012 e 2013. A casa da cultura do Valadouro acollerá a mostra ata comezos de maio; despois comezará un percorrido polos centros participantes como antesala da edición de 2015, que arrincará o vindeiro curso académico.