Aínda que en política poucas cousas sorprenden, non deixa de ser impactante ler o artigo asinado por Orlando González, alcalde nacionalista de Mondoñedo, en resposta a algo tan saudable, desde o punto de vista democrático, como é exercer a función de oposición e fiscalizar e valorar o traballo –neste caso o pouco traballo- do goberno municipal e do seu alcalde, que tan só parece exercer como tal nos períodos electorais, pois durante o resto do mandato, non lle importaron nin Mondoñedo, nin os mindonienses. E somos os cidadáns desta localidade, os que non entendemos que o goberno municipal se entreteña en plans volátiles, etéreos, mentres o noso Concello se afunde día a día. Mentres vostedes divagan con eses plans máxicos, a nosa cidade vai cada día a menos e o noso rural non encontra solución a ningún dos seus problemas. Vostedes non resolven problemas; crean problemas.
E teño que empezar pedindo desculpas. Neste caso por vergoña allea. Ante a imaxe de insensibilidade dun señor que, para atacarme, non atopa outro argumento que ridiculizar a uns enfermos e o medicamento que estes toman. Non todo é aceptable en política, pero moito menos tratándose dun médico, que se presume que sabe do que fala e que cando menos debera ter algo máis de nivel cando escribe, de máis respecto a súa profesión e aos doentes de calquera enfermidade.
Supoño que cando non hai argumentos serios toca xogar ao chiste. Pero este é moi de mal gusto. Que triste ver como todo un alcalde perde as formas, a educación, amosando precisamente iso que lle achaca aos demais: un nerviosismo extremo. Xa non lle pido que me respecte a min, pero polo menos que o faga aos meus votantes, por certo máis que os seus.
Pediríalle ao Sr. González Cruz que saíra á rúa, que escoitase aos veciños de Mondoñedo porque, e vólvollo a repetir, están convencidos de que, dende que este señor é alcalde, vivir en Mondoñedo é máis caro, máis incómodo, con menos servizos e menos oportunidades.
De feito, o balance da xestión do alcalde, en colaboración co PSOE, pasa por unha obra no seminario que deixou a zona en peor estado do que se atopaba e cun novo espazo pouco organizado; pola perda de servizos; polo encarecemento de impostos e a creación dalgún novo; e por, ata incluso, non coidar os proxectos que se presentan en Mondoñedo.
Pola contra eu podo poñer en valor o traballo feito por Mondoñedo, que nos levou a acadar un investimento da Xunta superior aos 19 millóns de euros. E recordarlle o impulso do Partido Popular local en varias actuacións para Mondoñedo: terá un centro de día na residencia San Rafael; obras de mellora na LU-124, na N-634, dotación de beirarrúas no Camiño San Rosendo, canalización das escorrentías derivadas da A-8, dotación para arranxo de camiños municipais; posta en marcha e financiamento de obradoiros de emprego, creación de brigadas forestais e mantemento do persoal da oficina de turismo; arranxos no colexio Álvaro Cunqueiro (instalación eléctrica, dotación dun novo parque infantil e pista polideportiva); contribución co avance das concentracións parcelarias de Sasdónigas e Mondoñedo Norte; apoio ás festas máis relevantes; posta en marcha dun plan en turismo co apoio dos axentes privados, que empeza a dar os seus froitos… Con este aval é co que me vou a presentar de novo como candidata do PP á alcaldía de Mondoñedo, encabezando un grupo de mindonienses que estamos decididos a non deixar esmorecer o noso Concello nas súas mans e estamos dispostos a poñer todo o noso esforzo e saber en sacar adiante a Mondoñedo. En poucos días os mindonienses poderán elixir entre o seu modelo e o meu. Nas súas mans está.
Por último, dicirlle que sinto moito que se laie vostede de que eu sexa a única representante política de Mondoñedo en outras institucións xa sexan provinciais, autonómicas ou estatais. E certamente estou moi satisfeita pola confianza que en min depositan os membros e dirixentes do meu partido nomeándome portavoz na Deputación, unha confianza que eu trato de estender sobre todo aquilo que afecte a Mondoñedo e poda beneficialo. Ogallá vostede poda dicir o mesmo algún día e tamén lle pediría que non xogue ao despiste cando fala do meu salario, pois é plenamente consciente de que está mentindo. De feito, non ten que realizar grandes esforzos para verificar que non está no certo pois as percepcións de todos os deputados, incluída a miña, foron aprobados na Deputación co voto favorable do PSOE e do BNG, os seus compañeiros de partido. Dígolle todo isto, coa tranquilidade que aporta un traballo feito co agarimo e a ilusión de sentirme arroupada por xente seria, responsable e comprometida coa cidade que nos veu nacer, sen faltarlle ó respecto nin a vostede nin a ninguén e cun único propósito que nos debe unir a vostede e a min: o mellor para Mondoñedo, que tanto o necesita.
Elena Candia, candidata do PP á alcaldía de Mondoñedo.

















A festa, organizada pola Asociación Alameda co apoio do Concello de El Franco, inclúe unha mesa redonda o venres 28 en El Fornello e, xa o sábado, un taller de baile infantil ás 21:00 h seguido das actuacións de El Cabazo, Herbamora, Dervish, Felpeyu e Ochobre. El Franco destaca o valor desta tradición e anima a veciños e visitantes a participar nun evento que leva máis de catro décadas celebrando música, baile e patrimonio cultural.
O público poderá desfrutar dunha proposta que parte da música tradicional galega, combinando a gaita e as frautas con instrumentos como o violín, acordeón, guitarra, baixo ou percusión, nunha mestura de tradición e modernidade cun marcado carácter atlántico e celta. A actuación, con entrada libre, ofrece unha noite para gozar da música galega en directo e seguir achegando a cultura e a tradición aos espazos públicos do municipio.
Unha xornada de convivencia que comezará ás 11:30 h na Alameda, con misa de campaña, sesión vermú, comida, sorteo e festa ata as 19:00 h. A principal novidade é o menú con paella, sobremesa, bebida e café. Para participar é preciso vale: 7 € para persoas empadroadas e 10 € para non empadroadas e acompañantes, dispoñible nas oficinas municipais, onde tamén se pode solicitar transporte. Senllos concellos animan á veciñanza maior a sumarse a esta cita de encontro e recoñecemento.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Foi a unhas oito millas de Estaca de Bares. O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso arredor das 22:30 horas deste luns a través do Servizo de Gardacostas de Galicia, que indicou que se mobilizaba o helicóptero Pesca II logo de que se producise lume nun barco, con tres tripulantes a bordo. Porén, os mariñeiros foron evacuados do lugar a través dun pesqueiro que se atopaba na zona para, posteriormente, ser trasladados en ambulancia. Por outra banda, o barco finalmente afondou no mar. Cómpre mencionar que neste operativo tamén participaron Salvamento Marítimo e a Garda Civil.
Esta actividade, organizada polo Concello de Lourenzá, será na praza César Chavarría Pacio e haberá tres funcións: ás 13:00, ás 18:30 e ás 20:00 horas. A entrada é de balde por orde de chegada ata completar aforo. A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, destaca que “a maxia é unha desas propostas que sempre ten unha acollida moi especial en Lourenzá. Gusta aos pequenos, pero tamén consegue sorprender e ilusionar aos maiores, converténdose nun plan perfecto para gozar en familia”.
Ata a Cedofestiña, que tivo lugar onte no Pazo de Cedofeita, se achegaron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo. O Concello colaborou unha edición máis coas Vacas Fracas.



