A Deputación de Lugo entregou este xoves aos voceiros dos tres grupos políticos con representación provincial –PP, PSdeG e BNG- un certificado oficial e individualizado para cada un dos 25 deputados da Corporación que acredita a débeda cero do organismo a día 11 de maio deste ano. A entrega do documento, aprobada no Pleno de marzo, tivo lugar na última Xunta de Voceiros prevista neste mandato, celebrada esta mañá, tal e como informaron o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, unha vez rematada dita reunión.
Á entrada do actual goberno, no 2007, había recoñecida unha débeda financeira de 122 millóns de euros e hoxe está a cero, “sen renunciar a ningún tipo de investimento”, dixo o Presidente. “Co certificado entregado hoxe queda tamén acreditado documentalmente que a próxima Corporación Provincial non terá ningún tipo de atadura. A débeda cero permite dedicar todo o orzamento por completo ao funcionamento da Deputación, á prestación de servizos e á execución de obras”, explicou Besteiro.
As consecuencias obxectivas desta decisión son as seguintes: déixanse de pagar intereses e non se destinan recursos a amortizar débeda, co que quedan liberados uns 10 millóns de euros ao ano para investimentos; a Deputación gaña autonomía para executar o Orzamento, pois xa non existe a obriga legal de destinar os aforros ao pago da débeda, e todos remanentes poden ir a investimentos; e a entidade ten solvencia e sostibilidade económica, pois non depende de préstamos para afrontar os gastos, nin os correntes, nin os investimentos.
Ademais da débeda cero, o último Pleno rendeu contas doutros informes técnicos relativos á situación económica do organismo provincial, que indican que a Deputación paga nunha media de 8 días aos provedores, cando o prazo esixido pola Lei é de 30; cumpre co obxectivo de estabilidade, ao non gastar máis do que ingresa; e mantén o nivel de execución do Orzamento, que foi do 80% no exercicio 2014, tres puntos máis que no de 2013.
Débeda do SERGAS
Pola súa banda, a Vicepresidenta informou doutros asuntos que, ao igual que a débeda cero, inflúen sobre a situación económica da Deputación, entre eles, “a débeda de máis de 800.000 euros que a Xunta ten pendente con este organismo, con todos os lucenses, pola transferencia dos hospitais de San José e San Rafael”. Méndez avanzou que, “despois de varios intentos infrutuosos, cerramos para o 20 de maio, dentro dunha semana, unha reunión en Santiago entre técnicos da Deputación e do SERGAS co fin de desbloquear canto antes este impago”.
A Vicepresidenta explicou que, dos 800.000 euros que o SERGAS adebeda á Deputación, 639.199,06 euros son da liquidación definitiva do convenio polo que se transferiron os hospitais, “unha cantidade que a Xunta ten pendente de pago dende hai máis de dous anos”, e 162.374,82€ correspóndense cos intereses de demora dos anos 2012, 2013 e 2014, é dicir, “por pagar tarde, fóra de prazo, as cotas deses anos, establecidas no convenio”.
O pago destes máis de 800.000 euros é o que se tratará de desbloquear na reunión do día 20. A maiores, queda unha última anualidade, que o SERGAS deberá ingresar no primeiro trimestre de 2016 e que ascende a 3,7 millóns de euros. Deste xeito, quedaría liquidada totalmente a débeda que contraeu a Xunta coa Deputación pola xestión dos hospitais de San José e San Rafael.
Obradoiros de emprego
Outra das cuestións ás que aludiu Lara Méndez e que inflúe sobre a situación económica da Deputación é que, “ata onde sabemos, a día de hoxe, a Xunta non concedeu nin un só dos obradoiros de emprego que solicitamos. A realidade é que fixo pública unha lista cos proxectos aprobados, e a Deputación non figura nesa lista”. Polo tanto, entres outras cousas, subliñou, “non poderemos facer un obradoiro destinado a converter o Miradoiro de Mondoñedo nun albergue de peregrinos, que, ademais de poñer en valor este edificio, xeraría riqueza no concello, que conta hoxe cun albergue obsoleto que se queda pequeno”.
Saída de XESTUR
Unha terceira cuestión económica pendente coa Xunta é a saída da Deputación de XESTUR, “que levamos meses negociando”. “Defenderemos que o valor patrimonial das accións que a institución provincial ten nesta empresa pública dependente da Xunta se nos compense con parcelas por valor de 1,1 millóns de euros; sen rebaixas”, asegurou a Vicepresidenta. Por parte da Deputación, o compromiso é non destinar ese solo industrial a fins diferentes dos estipulados por XESTUR, nin competir con esta entidade en prezos.
Solidariedade con Nepal
O Presidente tamén informou de que a Xunta de Voceiros aprobou por unanimidade que a Deputación transfira 6.000 euros aos damnificados polos terremotos de Nepal, “tal e como fixemos noutras ocasións ante catástrofes que provocan verdadeiros desastres humanitarios”.



















Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.



