Lugo, 3 de outubro de 2015.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, salientou este sábado a relevancia social e económica que ostentan as palilleiras en Galicia. “O seu traballo, verdadeiras obras de arte”, segundo dixo, “son un dos mellores escaparates do noso sector artesanal e non cabe dúbida de que forman parte xa do noso bagaxe cultural”.
A delegada fixo estas declaracións durante o percorrido que realizou na mañá deste sábado, xunto co alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, polos postos do VI Encontro de palilleiras, que organiza este concello mariñán baixo o lema “Coas nosas mans” e no que se deron cita 350 participantes, procedentes da provincia de Lugo, A Coruña e Pontevedra e tamén das localidades asturianas de Oviedo, Tapia de Casariego e Coaña.
Na opinión de Arias “este sector exemplifica o espírito emprendedor das mulleres galegas porque, ademais de moito traballo, leva aparellado paciencia e vocación”. Apelando a ese compoñente emprendedor, a delegada territorial animounas a que se beneficien das axudas que concede a Xunta, a través, por exemplo, da Consellería de Economía e Industria, que no seu Plan de Artesanía de Galicia 2014-2016, ten establecidas diversas liñas de acción, para cuxo desenvolvemento dispón de cinco millóns de euros, e que fundamentalmente perseguen consolidar un sector artesanal sólido e sobre todo sostible no tempo.
Para lograr este obxectivo último, os artesáns galegos en xeral e os lucenses en particular, que suman en conxunto preto de 400, a maior parte deles autónomos, deben mellorar a competitividade, consolidar o prestixio da marca Artesanía de Galicia e promover unha artesanía innovadora. A profesionalización, para o que é fundamental incidir na formación, é, en opinión da delegada territorial, “un aspecto básico” para conseguilo.