Foz, 17 de novembro de 2015. A Corporación Municipal de Foz celebrou este martes unha concentración con tres minutos de silencio en sinal de repulsa polos atentados cometidos o pasado venres na cidade de París. Con este acto, o Concello quere amosar a súa solidariedade coas vítimas e as súas familias e a súa condena aos extremismos, tal e como manifestou trala concentración o alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira.
“Dende a Corporación Municipal, dende todos os colectivos e en representación de todos estamos hoxe aquí nesta concentración diante do Concello para amosar a nosa máxima repulsa contra os atentados de París, atentados yihadistas, de extremistas que queren desfacer o Estado do Benestar e de cordialidade no que vivimos en Francia ou España e todos os países occidentais. Amosamos o noso máis sentido pésame polos que faleceron nos atentados, e tamén queremos desexarlles unha pronta recuperación aos feridos, especialmente ás familias dos feridos e do falecido españois. Máxima repulsa e o noso sentido pésame a todos aqueles que sufriron este brutal atentado. Estes días foi en Francia e pode ocorrer en calquera das cidades e pobos dos países que hoxe en día nos vemos ameazados por este tipo de terrorismo yihadista e extremista”, declarou o rexedor municipal.