Santiago de Compostela, 20 de Decembro de 2015. – NÓS-Candidatura Galega cualificou de “malo sen paliativos” o resultado electoral nun contexto polarizado arredor de catro forzas políticas estatais que non foi capaz de superar, explicaron nunha valoración conxunta realizada polos cabezas de lista das catro provincias: Carlos Callón, Olalla Rodil, Carme Adán e Noa Presas. “David non sempre vence a Goliat e menos a 4”, sintetizou Callón.
“Queremos recoñecer que os resultados electorais obtidos por Nós-Candidatura Galega son malos sen paliativos, moi lonxe das nosas expectativas, e cremos que son uns resultados negativos, non só para a coalición electoral senón, sobre todo, para este país e para a xente deste país”, explicou Noa Presas, que puxo en valor o esforzo realizado pola candidatura.
“Fixemos todo o posíbel, todo o que estaba nas nosas mans. Construímos unha candidatura en tempo récord, ampla, plural, desde a base, ao servizo do país, como sempre fixo o nacionalismo galego”, explicou, pero non foi capaz de superar o contexto de bipartidismo a catro imposto desde os platós televisivo.
“É evidente que non fomos capaces de contrarrestar unha intensa campaña televisiva que centrou as expectativas electorais en 4 forzas políticas estatais, que se presentaban como únicas opcións reais de voto”, explicou Olalla Rodil. “Este contexto foi un obstáculo que Nós-Candidatura Galega non puido superar para conseguir unha representación propia, galega e nacionalista no Congreso e no Senado”.
Unha situación que tamén lles afectou a outras forzas nacionalistas de Euskadi e Catalunya, pese a ter de partida un maior apoio social.
Pese ao resultado electoral, “seguimos convencidos de que este país necesita unha alternativa nacionalista, polo que o nacionalismo galego reafirma o seu compromiso para dar o mellor de nós e seguir traballando pola maioría social deste país”, concluíu Rodil.
Carme Adán puxo en valor o traballo realizado na campaña co traballo da militancia e simpatizantes. “Sentímonos orgullosas do traballo realizado, do traballo en común. En apenas unhas semanas creamos unha coalición ampla, plural e en clave de país, suma de forzas políticas e de persoas sen filiación política”.
“Á marxe dos resultados, cremos que iso era o que había que facer, e fixémolo”, indicou Adán, “este traballo da unidade por Galiza foi unha experiencia de suma, que deberá ter proxección de futuro”.
Adán fixo fincapé en que foi unha campaña “chea de creatividade, de orgullo e de propostas. A campaña do sorriso e da imaxinación”, subliñou tras cualificar de “inmenso” o traballo desenvolvido por todas as persoas que se sumaron a NÓS.
Carlos Callón puxo en valor “o apoio dos milleiros de persoas” que votaron NÓS-Candidatura Galega, “que tamén contribúen á perda do apoio social e electoral do Partido Popular”.
“Queriamos o cambio político, mais desde nós, sen renunciar a que Galiza tivese unha voz propia”, explicou, ao tempo que recalcou que a candidatura foi a voz dos colectivos sociais máis vivos do noso país, que pelexan nas rúas polos seus dereitos día a día. “Todos eles, todas elas, servirán para asentar un proxecto nacionalista na Galiza con disposición de seguir traballando polo futuro da nosa nación e da súa xente”, valorou.
Callón volveu salientar que o proxecto nacionalista, que no 20D representou Nós Candidatura Galega, “está cargado de futuro”.
“Dicímolo con convencemento, e cun sorriso na boca. A pesar do resultado electoral, a experiencia vivida nesta campaña foi tremendamente valiosa. Foron moitas as persoas que nestas semanas recuperaron a ilusión, o orgullo e a vontade de dar o mellor de si en favor dun país libre no que podermos vivir e traballar con dignidade, dunha Galiza dona de si e orgullosa de sermos unha nación no mundo”.
“Con todas elas, con toda esa xente, é coa que imos comezar a construír, desde mañá mesmo, o proxecto nacionalista que este país necesita”, concluíu.

















Destacou o labor da asociación xuvenil A Rumboia, que en poucas edicións converteu o evento nun referente cultural da Terra Chá e nun motor para o turismo e a economía local. O cartel inclúe Caamaño & Ameixeiras, Ulex, La Txama, Boyanka Kostova, Bea Fernandes e Lucasiito B2B Somiiux. Haberá tamén actividades para todas as idades —xogos, obradoiros, contacontos e artesanía— no campo da feira de Gontán, con entrada gratuíta.
O Parque María Cristina da Caridá volverá encherse de oficios, sabores, música e tradición os próximos días 4 e 5 de xullo
Son 15 os postos instalados nos que os asistentes poderán atopar complementos de moda e téxtis, marroquinaría, xoiaría, teas, sombreirería, bixutaría, xoguetes ou esmaltes. Esta feira está percorrer diversas localidades e cidades galegas para dar a coñecer o traballo dos artesáns galegos. Polo recinto pasaron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Comercio e Turismo, Marta Saiz.
Desde o pasado martes desenvolvéronse distintas competicións deportivas, entre elas os tradicionais torneos 3x3 de fútbol e baloncesto e un campionato de xadrez, nos que participaron preto de 300 mozos e mozas. Villares sinalou que esta convocatoria “é xa un clásico na vila e axuda a proxectar a oferta do Espazo Xove, un punto de encontro para a mocidade que ao longo de todo o ano ofrece distintas propostas de lecer, formación e participación adaptadas aos seus intereses”.
O xoves haberá unha gran sardiñada no Campo da Pascua e o venres dedicarase ao Día do Neno con atraccións a prezos populares. A organización corre a cargo da Comisión de Festas de San Xoán de Covas coa colaboración das administracións locais e autonómicas.
O delegado gabou o traballo realizado polo Motoclub A Cadeira para dar continuidade a esta proposta logo do éxito do pasado ano, “deixando claro desde a primeira convocatoria o seu poder de atracción e o importante papel de dinamización económica e social que xogan iniciativas deportivas e lúdicas como esta”. Na programación destacan a subida nocturna hoxe ao monolito da Cadeir a, os simuladores de pilotaxe de moto GP e a exhibición de Stunt3Show mañá, ou unha ruta turística o domingo. Ademais, haberá sesións vermú, música en directo, sorteos de premios, acampada gratuíta -cuberta e exterior- e food trucks, entre outras actividades.
A edición deste ano incorpora un novo formato organizativo: as sesións vermú ampliaranse a tres horas na Praza da Constitución e todas as verbenas trasladaranse ao Campo da Feira para mellorar a loxística e facilitar a montaxe dos espectáculos, especialmente nun ano con formacións de gran formato. O programa musical combina orquestras, grupos e DJs para públicos de todas as idades, con citas destacadas como Panorama City, Paris de Noia, Los Satélites, Costa Dorada ou a xira campestre con diferentes propostas ao longo de varios días. Desde o Concello subliñan que as festas son un espazo de encontro para a veciñanza e para quen regresa a Vilalba nestas datas, e que o obxectivo é ofrecer unha programación equilibrada e pensada para que cada persoa atope o seu lugar nunhas patronais que forman parte esencial da identidade da vila.



