Xa se achegaba a fin do milenio e polos corpos de mozas e mozos mindonienses corría o sangue fervendo. Alentados por Loira, O Ilusionista e baixo a coordinación de Magú Puchades, daquela responsable da Oficina de Información Xuvenil, iniciaron unha Xoldra que pervive hoxe dando froitos en diferentes estacións.
Os tempos mudaban, aínda que só fose polos díxitos dos calendarios e había necesidade de abrir as mentes sen necesidade de empregar brosas ou lousas.
Entre o 30 de abril e o 3 de maio do 98 do século XX chegaron a Mondoñedo en carromatos con formas de autocaravanas e Volkswagen Kombi sen trucar -ou si, quen sabe? Que é a I.T.V.?- xentes de acolá.
Malabaristas, contorsionistas, saltimbanquis, paiasos, acróbatas, trapecistas e outros artistas viñeron a Mondoñedo procedentes de Francia, Cuba, Gran Bretaña, Bélxica, Madrid, Asturias, Cataluña e diferentes puntos de Galiza para pasear polas clericais rúas as súas rastas e roupas con infindos remendos de tódalas cores do arco da vella e demostrar que eran quen de abraiar a pícaros, adultos e anciáns coas súas ben diversas habilidades.
Ao espectáculo do novo circo non lle faltou a música, algunha dela da comarca como era o caso dos Diglósicos e Porco Jones (Mondoñedo) ou Skornabois (Lourenzá), tamén Chouteira (coa líder mariñá Ugia Pedreira) ou Dhais (con Kin Fariña, quen máis tarde formaría parte dos insustituibles Berrogüetto). Galas presentadas polo xenial Serxio Pazos e adobadas polo bo saber facer da xente da Nasa (que daquela tiña a súa sede -ben apagada- pretiño da carballeira de San Lourenzo, en Compostela). Xe Freyre e Carlos Negro foron os encargados de explicarnos no programa de man de que ía todo aquelo, mestres que Alicia Puchades e Antón Caxoto ilustraban as súas páxinas.
E todo isto misturado coas feiras e festas das Quendas que, daquela, chegaban á súa decimoquinta edición.
Desde entón, Mondoñedo púxose ao carón de Madrid, Granada, Sabadell, Beasaín, Llanes, Córdoba ou Alcorcón, Mieres ou Huesca, todas elas cidades nas que se ten celebrado este encontro de malabaristas.
Neses días Mondoñedo tamén lle fixo un “guiño” a Valencia coa queima dun ninot malabarista, obra do escultor Juan Bautista Puchades Quilis.
Un exército pacifista formado por rapaces e rapazas como Mazúa, Flipy, Gil, Almu, Mer, Bea, Alicita, Ramón, Justi, Koa, Lois, Miriam, Socri, Josiña, Marcos, Ledo, Ramón e outros moitos que contaron coa axuda do malabarista focego Kalím.
O evento estivo organizado pola asociación xuvenil Xoldra e contou coa colaboración do Concello de Mondoñedo e a Deputación Provincial de Lugo, así como co patrocinio dun elevado número de empresas tanto da contorna coma doutros puntos de Galiza (destaca a participación de locais de hostalaría de Compostela) e tamén de Pamplona, Madrid ou Barcelona.
Cando se estaba achegando o momento da inauguración do encontro algún membro da organización preguntouse en voz alta: “De cansanzo tamén se pode morrer”?
Fran Bouso.




















A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira Paula Vigo destacaron que esta iniciativa busca dinamizar os domingos de feira e dar visibilidade ao traballo artesán. As inscricións poden realizarse ata o 26 de abril, cubrindo o formulario dispoñible en vilalba.gal/novas e enviándoo a feiras@vilalba.es xunto coa documentación requirida. Para consultas, está dispoñible o teléfono 982 51 03 05.
A representación desenvolverase na praza do mosteiro, na igrexa e nos espazos exteriores habituais para escenas como o xuízo ante Pilatos, o horto e a crucifixión. Participarán a Garda Pretoriana de Lugo, a Percussio Praetoria e o grupo Galiclasic, nun evento recoñecido como Festa de Interese Turístico Rexional e no que colaboran arredor de cen persoas.
O Concello de Cervo convida a toda a veciñanza a participar no novo Guateque de Arruguiñas, unha proposta pensada para fomentar o encontro interxeracional, a convivencia e o lecer compartido. O evento celebrarase este martes, 31 de marzo, ás 19:30 horas, na Casa do Mar de San Cibrao. A xornada incluirá actuación musical, bingo e chocolate, actividades organizadas polo alumnado de 2º de Bacharelato en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil e a Asociación de Xubilados Terramar. O Concello anima a participar e desfrutar dunha tarde especial de convivencia e diversión.
O luns 30 de marzo ás 18:00 horas darán comezo as visitas guiadas polo casco histórico de Viveiro, conducidas polo historiador Xesús Martínez e organizadas polo CCHV coa colaboración da Xunta de Cofradías da Semana Santa. Antes da primeira visita, ás 17:30 horas, realizarase unha breve presentación na Praza Maior, diante da porta do Concello. No acto participarán José Veiga, en representación da Xunta de Cofradías, Cristina Rodríguez, presidenta do CCHV, e o propio Xesús Martínez.
O alcalde, Pedro Fernández, salientou o seu impacto turístico e deportivo. A edición inclúe un atractivo especial: a Concentración da Selección Española OPEN, que adestrará en Tapia do 1 ao 6 de abril. O Goanna Pro é a segunda proba da Liga PRO, garantindo un nivel competitivo máximo. Datas: Semana Santa 2026. Lugar: Praia de Anguileiro. Destacado: Concentración da Selección Española (1–6 abril).
O delegado destacou a consolidación do evento como referente cultural na Terra Chá. O festival contará con Caamaño & Ameixeiras, Ulex e La Txama, ademais de actividades lúdicas. A cita será no campo da feira de Gontán, con entrada gratuíta.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).



