Burela, 14 de xaneiro de 2016.- Este venres ás 10 da mañá terá lugar a xuntanza que manterán en Santiago o alcalde burelés, Alfredo Llano, e o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán. A Edar, as melloras que necesita o porto burelés ou o uso con fins turísticos dun solar situado detrás da Capitanía Martítima son algúns dos asuntos que estarán enriba da mesa.
O rexedor explicou que “o que imos tratar son melloras para o porto e outras que podemos aproveitar para todos os veciños de Burela, como a nova Edar. Necesitamos saber onde situala e buscar as mellores fórmulas para determinar canto espazo se pode ocupar. Existen dúas posibilidades: ampliar a que temos na actualidade ou facer unha nova, que empregaría un sistema biolóxico. Si isto é posible sería unha solución definitiva para moitos anos”.
O alcalde de Burela dixo que “temos a intención de aproveitar con fins turísticos o espazo de Portos que hai detrás de Capitanía Marítima, que agora mesmo non é moi empregado, e sería a través dun convenio para poder darlle uso a esa zona. Poderían cedernos tres ou catro deses locais que hai alí para poñer en marcha unhas tascas que vendan polbo, bonito ou merluza en forma de tapeo e darlle unha singularidade a ese lugar, que teña moito que ver coa nosa condición de pobo pesqueiro. E outro podería estar dedicado ás conservas tradicionais. Tamén queremos aproveitar o momento para poñer en marcha no que quede desa zona un espazo público, unha praza. Imos ver como podemos artellar todo isto”.
Outros dos asuntos dos que falarán Llano e Durán serán: “as grúas no porto, limpeza das augas, actividades deportivas e recreativas, obras de melloras no porto como poden ser dársenas, dragados e a construción dun muro de seguridade. Logo tamén está o porto comercial para incrementar a súa actividade, que non conta con moita polo momento… e sería bo para Burela. A modificación de pantaláns, pasar de 3 a 5 cambiando un pouco a súa posición. E a nave de redes, xa que había un convenio que queremos revisar e actualizar”.
O alcalde burelés sinalou que “trataremos con eles tamén un tema importantísimo, como é o uso do porto exterior de San Cibrao. Queremos aproveitar a circunstancia de uso do porto e as ganancias que pode dar con respecto a todos os portos da nosa comarca da Mariña. É unha formulación antiga pero non por iso menos importante”.