O Observatorio da Mariña pola Igualdade comeza os seus actos do ano cunha charla café, o próximo venres 22 de xaneiro, no local Doce Lecer de Burela,na que se afondará sobre os mitos de beleza nas mulleres, abordado dende unha perspectiva de xénero. A charla será impartida pola especialista Isabel Menéndez Menéndez, doutora en filosofía, licenciada en xornalismo e na actualidade profesora de Comunicación audiovisual na universidade de Burgos.
Liberdade ou tiranía? Este será o fondo dun debate sobre a relevancia que ten a beleza na muller na sociedade actual, na que a industria da beleza e o culto á beleza cobran cada día máis importancia. As imaxes de beleza son usadas contra as mulleres, onde as esixencias dos estánderes de beleza se vinculan maioritariamente ao sexo feminino, sendo as mulleres as que se ven máis obrigadas a adaptarse aos estereotipos e canóns que a sociedade impón.
Dende o Observatorio tentamos abrir debates que sirvan para dar a coñecer como afectan as diferentes realidades sociais á vida das mulleres,dende un formato,o das charlas café,onde as persoas asistentes poidan atopar espazos de interación nun ambente agradable e acolledor.
Convocamos a todas aquelas persoas interesadas dende calquera punto da Mariña, á asistencia a esta charla o próximo venres 22 de xaneiro no local Doce Lecer de Burela, ás 20.00 horas.
Lembramos que a entrada é libre e gratuita.