Ribadeo, 20 de xaneiro de 2016.- O Concello remitiulle un novo escrito ao conselleiro de Política Social para que explique xuridicamente as peticións que a Xunta de Galicia lle sigue a realizar a Ribadeo sobre a residencia de maiores, que está en construción. O alcalde di que o Concello baséase en argumentos xurídicos, cousa que non fixo a Consellería nunha comunicación remitida hai uns días ao alcalde. Fernando Suárez Barcia dixo que “o que recibimos foi unha carta máis política que administrativa e o que queremos é que demostren xuridicamente os seus argumentos, tal e como facemos nós”. Todo isto ten que ver co convenio de colaboración para construción e posta en funcionamento da residencia de maiores en Ribadeo e da partida de 500.000 euros comprometida pola Xunta no seu día, e da que aínda nada se sabe.
O rexedor declarou: “lamentablemente comprendo que esta situación sexa cansina para toda a cidadanía por ver todas as múltiples pedras no camiño que desde hai moito tempo a Xunta de Galicia está empeñada e comprometida en non facer, máis que en facer, que é o que debería facer calquera organismo público: facer, axudar a facer e non sempre intentar poñer pedras no camiño. Pero algo pasará cando con esa actitude o que conseguen é poñernos de acordo ao goberno, a toda a Corporación e ao movemento asociativo; iso si, menos ao Partido Popular, en que non estamos de acordo cos reiterados argumentos, manidos xa, por parte da Xunta de Galicia por no acabar aportando os escasos fondos que no seu día comprometeron para a residencia”.
Suárez Barcia explicou que “ano e medio despois de que tivésemos mandado toda a documentación que se nos requiriu por fin responderon hai escasos días a través dunha carta desde o punto de vista máis político que administrativo, aínda que as administracións móvense con informes técnicos e xurídicos e non con cartas de amor ou desamor, como a que nos manda o conselleiro. Despois de analizar e estudar esta contestación entre todos e coa axuda dos técnicos e xurídicos, que é como estamos levando todo este asunto en Ribadeo, volvemos de novo, hai uns días, a remitir un escrito motivado explicándolle polo miúdo os aspectos que xa están cumpridos e os motivos daqueles que non podemos e non debemos facer, ao tempo que lle indicamos que os asinantes deste escrito pedímoslle que se ten algo que dicirnos que no lo demostre xuridicamente”. E engadiu: “e os seus pareceres que sexan xurídicos, non soamente con intencións, tal e como facemos nós, que aportamos informes xurídicos do que facemos porque o facemos e do que non facemos tamén explicamos por que, amparándonos en artigos de leis e regulamentos autonómicos e estatais. Así é como se deben manexar as cousas, menos para a Xunta en Ribadeo, parece ser”.
No escrito asinado polos portavoces de Ciudadanos, do PSOE, polos representantes das asociacións veciñais, polo alcalde e pola concelleira de Servizos Sociosanitarios, “dicímoslle á Xunta que todas as autorizacións pertinentes para a execución e construción están emitidas pola propia Xunta, que o informe de viabilidade e todas as aclaracións xa foron remitidos polo Concello hai moito tempo, que estamos cumprindo con todo e que, polo tanto, unha vez máis, os representantes do BNG, de Ciudadanos, do PSOE, das asociacións de veciños, que estamos todos neste barco, queremos dicirlle ao conselleiro que dea as instrucións aos departamentos competentes da súa Consellería para que dunha vez por todas, se verdadeiramente queren participar no financiamento do centro de atención a persoas maiores de Ribadeo, procedan a dar unha resposta oficial ás discrepancias formuladas polo Concello en relación ao borrador de convenio que nos achegaron no seu momento, aportando a proposta alternativa que poida ser aceptada”. Suárez Barcia indicou que “no caso de non ser admitidas as nosas alegacións, en todo ou en parte, que acheguen tamén o soporte xurídico que funde esa inadmisión, como fixemos nosoutros sempre. E o demais é enredar e non querer facer as cousas”.
O alcalde de Ribadeo sinalou: “pero que non esquezan os políticos que están na Xunta que todos estamos circunstancialmente nos postos e nos cargos e que a cidadanía, que é moi sabia, acaba quitando e poñendo á xente que non cumpre co seu cometido de defender os intereses dos veciños. E aquí, en Ribadeo, á Xunta penso que lle está quedando un pouquiño lonxe o interese dos veciños e veciñas deste concello”.





















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



