Cervo, 1 de febreiro de 2016.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, ven de anunciar que o Concello devolveu aos seus traballadores a paga extra pendente do ano 2012 na nómina do pasado mes de xaneiro. O rexedor cervense sinala que esta medida afecta tanto aos funcionarios como ao persoal laboral e completa deste xeito as tres cuartas partes que quedaban pendentes de devolver aos traballadores. A cantidade global ascende a 51.515,94 euros.
Alfonso Villares salientou que “isto fíxose tendo en conta os informes de Intervención, que se basean na lei dos presupostos xerais do Estado para este 2016, na que nunha disposición adicional hai un apartado que di que cada administración pública poderá aprobar durante este ano medidas previstas neste artigo, como a devolución da paga extra da que estamos a falar, tendo en conta sempre a súa situación económico financeira. E no caso do Concello de Cervo, avanzando xa os datos do ano 2016, son os seguintes: a estabilidade orzamentaria vai ser positiva en torno a uns 266.000 euros, cumprimos a regra de gasto e o ratio da débeda viva é inferior ao límite do 110 por cento, que é o previsto no texto refundido da lei reguladora das facendas locais. E precisamente tendo en conta que a situación económica do Concello de Cervo sigue na liña destes últimos anos e é boa por iso procedemos a devolver esas tres cuartas partes da paga extra a todos os traballadores do noso Concello, tanto aos funcionarios como ao persoal laboral”.