Compostela, 5 de febreiro de 2016.- Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), ofreceu na mañá deste venres unha roda prensa en Santiago de Compostela, acompañada polo voceiro nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, e polo que foi embaixador do Estado Plurinacional de Bolivia ante a Unión Europea ata o paso mes de novembro e membro da Rede de Decolonizar Europa, René Fernández, para presentar as xornadas que os días 19 e 20 de febreiro reunirán no Paraninfo da Universidade da Coruña a máis dunha vintena de representantes de diferentes colectivos de pobos oprimidos de toda Europa.
Baixo o título “A historia da Europa Decolonial e da Europa dos Pobos sen Estado”, estas xornadas, organizadas polo GUE/NGL e AGEe en colaboración con Decoloniality Europe-Galiza Decolonial, traerán á cidade herculina ao sociólogo portugués Boaventura de Sousa Santos, integrantes das CUP de Catalunya, do Sindicato Andaluz de Traballadores e da Islamic Human Rights Commision, entre outras, para participar en diferentes mesas de debate abertas ao público nas que tamén estarán presentes a propia Lídia Senra, Xosé Manuel Beiras, a galega Helena Miguélez-Carballeira, o responsábel de Relacións Internacionais do SLG Xosé Ramón Cendán, o responsábel de Relacións Internacionais da CIG Moncho Boán e concelleiras da Coruña, Vigo ou Marín.
“O que se pretende con estas xornadas de dous días de moita intensidade é seguir establecendo pontes políticas comúns entre a Europa das nacións sen Estado e a Europa dos pobos oprimidos pola historia colonial”, indicou Lídia Senra.
A eurodeputada destacou a importancia para AGEe de organizar e participar nunhas xornadas internacionais deste tipo, “onde poidamos seguir poñendo en común, seguir colaborando e intercambiando experiencias entre os diferentes movementos desta loita dos pobos oprimidos que non é nova”. Neste sentido, salientou que o importante deste evento, como punto de partida, será “coñecernos e intercambiar ideas, dialogar, tendo en conta que estamos nun marco de globalización cada vez máis crecente, onde as decisións políticas que se toman cada vez sen fan en espazos máis afastados de nós, e ante iso, é fundamental que dialoguemos e nos coñezamos. O valor para min é que é un espazo que nos vai permitir poñer en común loitas”.
Pola súa banda, René Fernández explicou que a Rede Decolonizar Europa está composta por membros en toda Europa que tratan de debater e difundir pensamento tendo en conta que as ramificacións do colonialismo hoxe en día perpetúan sistemas patriarcais, eurocentristas, de negación do ser e do dereito de autodeterminación dos pobos, entre outro tipo de opresións.
En definitiva, trataríase de entrar en interacción con toda a xente que loita contra as redes de poder que someten aos pobos a presións produto da historia colonial e con “suxeitos como é o caso dos pobos sen estado que están sometidos á ficción dos Estados-nación”, afirmou.
“O que buscamos con este encontro é reflexionar sobre o que nos une, sen perder a nosa personalidade e particularidade de cada un, nutrirnos de reflexións comúns. Cada pobo, colectivo, grupo oprimido ten a súa propia maneira de vivir a realidade que lle afecta en cuestión e unha lectura común sobre de onde ven axuda”.
Na súa intervención, Xosé Manuel Beiras explicou que para a cidadanía galega “é sabido que hai moitos anos que en Galiza o pensamento nacionalista de esquerda estableceu o principio de que Galiza non era só unha nación oprimida, senón unha colonia interna do Estado español”. “E ese fenómeno ten outros análogos noutras partes do planeta”, exclamou.
“Pasamos de ser unha colonia do Estado español a ser unha colonia de Europa, e todo está relacionado coa abolición da soberanía nacional”, dixo Beiras, para denunciar que cando un pobo vota algo que non convén, directamente os poderes europeos non o aceptan. “Non aceptan que emerxa unha esquerda social que se libere das políticas agresoras, e daquela desde a UE manipúlase todo e ‘borbonéase’, actuando cos sectores reaccionarios”, asegurou.
Para Beiras é de enorme relevancia que haxa este diálogo e que se organicen estas xornadas na Coruña, entre organizacións que combaten en dous eixos diferentes pero interrelacionados: O eixo de toda a Europa Decolonial e o eixo das nacións sen estado, “entendido como o conxunto do pobo, non de clases dominantes que asumen a soberanía nacional pero non asumen a soberanía popular”, matizou.
Neste sentido, Beiras explicou como hai precedentes de como en procesos xurdidos nestes campos, as propias dinámicas deron lugar a confluencias análogas. “En 1985 constituíuse nunha asemblea en Barcelona. A finais do século XX iso foise ampliando coa incorporación de pobos non europeos pero análogos, os saharaius, os kurdos, etc, e máis tarde, no FSM de Belén iso converxeu para formar a Rede Mundial dos Dereitos Colectivos dos Pobos”.
Beiras tivo unha especial mención para Ramón Grosfoguel, de Europa Decolonial, e discípulo de Boaventura de Sousa Santos, “unha figura de enorme prestixio”, de quen en certa medida partiu a idea de artellar estas xornadas.


















A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



