Burela, 8 de febreiro de 2016.- O temporal no litoral norte estase deixando sentir de forma especial en Burela. Foron moitos os curiosos que se estiveron a achegar na tarde deste luns ata o paseo marítimo da Marosa para gozar das imaxes do Cantábrico, “pero hai xente que arrisca en exceso para conseguir unha foto ou para ver o mar tan de preto. Desde o Concello pedímoslles moita precaución de cara a evitar males maiores”, sinalou este luns á tarde o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey.
O edil socialista subliña que “hai aviso de forte temporal no mar para a xornada de mañá e para o do mércores con niveis de alerta laranxa, de aí que insistamos en pedir que se extremen as precaucións, que a xente non se achegue aos cantís, o mar pódese ver igual sen poñer en risco a vida das persoas”.
O temporal xa ocasionou danos na tarde deste luns no paseo marítimo da Marosa.