Foz, 15 de Febreiro de 2016.- O BNG de Foz, a través das súas concelleiras Lorena Seivane e Teresa Rego, denuncia os novos recortes sanitarios que a Consellaría de Sanidade está aplicando no Centro de Saúde de Foz.
“Vimos novamente denunciar a situación de desleixo na asistencia sanitaria do Concello de Foz. Estamos aínda á espera (despois de 9 meses) dunha aclaración por parte do Sr alcalde sobre a eliminación, co seu consentimento e aprobación, da figura do médico de urxencias de tarde no centro de saúde de Foz, engadíndose este lamentable feito á perda do servizo de ambulancias nocturno no seu mandato anterior. Pois ben, agora a Consellaría de Sanidade, sabendo da pasividade e complicidade do alcalde, foi quen de apertar aínda máis os recortes no noso Concello, deixando o cadro de persoal baixo mínimos”, explicaron as nacionalistas.
Dende a pasada primavera de 2015 hai unha profesional de enfermería de baixa, que era cuberta en días alternos a media xornada por un profesional diferente cada día, até as últimas semanas en que se incrementa a cobertura diaria, mais aínda a media xornada, sen que se entenda ben este criterio a todas luces insuficiente nun cupo enorme. Non satisfeitos con esta carencia, dende setembro de 2015 hai un facultativo de baixa sen cubrir, perpetuándose a intersubstitución entre os compañeiros coa sobrecarga permanente que isto supón, este é un feito habitual no Centro de Saúde de Foz e en toda A Mariña, onde nunca se cobren as baixas de facultativos. Mais o delirio prodúcese nos días 22 e 25 de xaneiro en que por disfrute de permisos (é dicir, unha situación absolutamente anunciada e prevista) doutros facultativos e a mencionada baixa, queda o cadro da mañá con catro médicos menos, e para substituír aos catro o SERGAS envía un facultativo. Incrible, mais certo.
A maior desprezo para os usuarios e os traballadores, dende, aproximadamente, o verán de 2015 hai unha auxiliar de clínica de baixa sen substituír ningún día. O seu traballo é agora tarefa dunha soa auxiliar de clínica (é dicir, duplica o seu traballo) que en numerosas ocasións non é substituída en vacacións nin baixas. Isto supón que cando ambas faltan, algún outro servizo do Centro de Saúde (especialmente o de odontoloxía) teña que suspender algún procedemento citado previamente, coas conseguintes molestias nos doentes.
Temos que engadir e lamentar a ausencia de cobertura sistemática das baixas e permisos do persoal de servizos xerais, chegando a quedar a metade dos traballadores en numerosas ocasións.
Engádese a este esperpento na desasistencia do noso Centro de Saúde, a redución de xornada da pediatra, non cuberta dende hai anos, e a redución de xornada actual do odontólogo, tampouco cuberta.
En definitiva, unhas carencias na calidade da asistencia sanitaria do noso concello que por moito que comprazan ao Sr alcalde, son para o BNG-AA absolutamente inaceptables e esiximos que a Consellaría e o Sr Alcalde poñan todas as medidas (empezando por algo de interese e menos paripé como excusas de que non hai profesionais, que son imprevistos e as lerias habituais que acostuman para cubrir semellante vergoña), para garantir os dereitos sanitarios dos nosos veciños.