Cervo, 28 de xullo de 2016. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, como vicepresidente primeiro da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), participou en Madrid nunha reunión extraordinaria do consello territorial da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP), na que se aprobaron as contas xerais do pasado ano, que ascenderon a 17´5 millóns de euros.
Alfonso Villares explicou que “tivo lugar en Madrid unha reunión extraordinaria do consello territorial da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Nese organismo representando á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) estamos o presidente e eu, como vicepresidente primeiro”.
O rexedor cervense detallou que “foi unha xuntanza do consello territorial onde o tema que se tratou basicamente foi a aprobación das contas xerais desta Federación do pasado ano 2015”.
Villares subliñou que “estas contas andan polos 17´5 millóns de euros, que é o diñeiro que manexa o municipalismo en España para levar adiante distintas accións que redundan en beneficio dos cidadáns de todos os concellos do noso país”.