Ribadeo, 23 de novembro de 2016. O auditorio municipal Hernán Naval acollerá do 2 ao 10 de decembro o V Festival Jazz & Blues de Ribadeo. Os seis concertos serán ás 20:30 horas. O evento foi presentado este mércores no salón de plenos do Concello ribadense con asistencia do concelleiro de Cultura, Farruco Graña, da responsable da Área de Economía da Deputación de Lugo, Mayra García, do artista Celso Dourado (un dos patrocinadores do evento) e do presidente da asociación cultural Jazz Eo, Rafael Monteavaro (organizador desta cita).
O edil de Cultura dixo: “para o Concello de Ribadeo é un pracer asistir hoxe no seu salón de plenos á presentación desta quinta edición do festival de jazz e blues de Ribadeo. É unha presentación ben concorrida porque pouco a pouco vanse logrando máis apoios á iniciativa cultural: é un pracer que estea aquí, a nosa beira, unha persoa representando á Deputación Provincial de Lugo, a alcaldesa de Trabada, que tamén é deputada provincial; é un pracer tamén que estea Celso Dourado, que desde o sector privado tamén, coa súa sensibilidade cara todos os temas relacionados coa cultura, se suma a este tipo de actos; e, como non, ao organizador, ao alma mater deste festival de jazz, que é Rafael Monteavaro”.
Farruco Graña animou “a todas as persoas para que teñan en conta que durante estes primeiros dez días de decembro en Ribadeo vai haber música de moi boa calidade dun xénero moi específico, o jazz e o blues, e que poderemos gozar de excelentes interpretacións, tanto de xente nova que está empezando e que hai que apoiala desde a base como tamén por parte de grupos xa consolidados. Animarvos a todos e a todas a achegarvos ata Ribadeo porque vai ser un pracer escoitar música, pasear polas nosas rúas abrigadiños, que veu o frío, pero co pracer de ter escoitado música e con moitísimo calor humano”.
A responsable da Área de Economía de Deputación, Mayra García, felicitou “ao presidente da asociación cultural Jazz Eo, Rafael Monteavaro, pola organización desta quinta edición deste festival, que é unha cita xa consolidada en Ribadeo. E, como non, tamén felicitar ao goberno municipal de Ribadeo pola súa colaboración e implicación neste festival. É un gran escaparate cultural nun concello coma Ribadeo, cunha gran tradición musical, e ademais esta oferta cultural axúdanos tanto a adquirir como a desenvolver o gusto pola música facéndoa accesible a todos os veciños e aos visitantes que se acheguen a Ribadeo desde o 2 de decembro ata o 10. Porque tanto aos noso veciños como aos visitantes o que lles gusta é ter unha oferta cultural e de ocio potente”.
A deputada mariñana subliñou que “Dende a Deputación de Lugo cremos que estas iniciativas contribúen a dinamizar a actividade cultural na Mariña e, en definitiva, esta nova cita é un boa oportunidade tamén para promocionar a todos os niveis Ribadeo e toda a comarca en xeral. Por iso o goberno da Deputación colaboramos novamente con esta edición aportando 3.000 euros para a celebración deste evento”.
O artista barreirense Celso Dourado, un dos patrocinadores do festival, manifestou que “se hai vindeiras edicións deste festival de jazz animo a que a iniciativa privada tome nota e apoie estes eventos, dada a calidade que ano tras ano estamos a ver na música deste festival. Eu persoalmente, a través de Eido Dourado, animeime a patrocinar este festival porque creo que é algo importante para a vila de Ribadeo e esperemos que en vindeiras edicións, se é que as hai, máis entidades axuden neste evento. Felicito a Rafa Monteavaro por esta fermosa iniciativa, así como outras que el leva a cabo”.
Finalmente Rafael Monteavaro, organizador do V Festival Jazz & Blues de Ribadeo, aludiu á dificultade coa que se atopou para conseguir apoios para este evento: “nós petamos en moitas portas, foron moi poucas as que se abriron e por iso quero agradecer publicamente tanto a Galipizza, que desde a primeira edición ven apoiándonos, como ao Voar, que é o hotel oficial do festival, pero sobre todo quero agradecerlle a Celso que dende o Eido Dourado, ese fermoso lugar que emite arte e cultura e todos os veráns nos permite gozar aos que amamos a música desinteresadamente de moi bos concertos. E quérollo agradecer publicamente porque sei que moita xente que ama a música está en débeda tanto con Celso como con Teresa García, a súa dona, por ese traballo desinteresado que veñen realizando ano tras ano”.
Monteavaro engadiu: “en canto ao programa do festival, coas limitacións económicas que temos e que cada ano se acrecentan, por desgraza, penso que conseguimos traer unha selección de músicos que representan a todas as ramas do jazz, tanto o soul como o blues como jazz, e que penso que poden ser do agrado de todo o público”.
Por Ribadeo pasarán do 2 ao 10 de decembro: Alejandro Vargas Trío, Prisco & Cherry, Michael Olivera Group, Oier Ponce Trío, En Casa del Herrero, Julián Maeso e Shirley Davis & Ther Silverbacks. Son tres concertos de balde e outros tres con entrada ao prezo de 10 euros. As persoas interesadas en facerse cun bono para os tres concertos de pago poden adquirilo por 25 euros. As entradas están á venda en Alandrina Tours e tamén en www.codetickets.com.




















As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.



