Ribadeo, 25 de xaneiro de 2017. Na sesión plenaria celebrada onte no Concello de Ribadeo presentou a súa renuncia o concelleiro socialista David Fernández. Foi aprobada por unanimidade unha moción presentada polo PP relativa ao mal estado que presentan as vías de titularidade provincial en Ribadeo e tamén se modificou a ordenanza de concesión de licencias de obras para mellorar a xustiza social e axilizar os trámites administrativos.
O alcalde, Fernando Suárez, contou que “celebramos no día de onte este pleno ordinario con total normalidade e ademais practicamente todos os asuntos saíron por unha ampla maioría cando non por unanimidade. Ao principio da sesión houbo que dar conta da renuncia do concelleiro do PSOE David Fernández, ao que de toda a Corporación lle desexamos o mellor para o seu futuro tanto laboral como profesional. Tamén se deu conta da renuncia dos tres seguintes na lista do PSOE e no pleno que ven, en canto nos veñan as acreditacións da xunta electoral, entrará a nova persoa que o substitúa dentro dese partido”.
O rexedor ribadense relatou que “neste pleno aprobamos de maneira inicial tanto a modificación da ordenanza do imposto de instalacións, construcións e obras como tamén da ordenanza reguladora da taxa de petición de licencias urbanísticas. Era aquilo que temos falado para facer máis áxil as pequenas obras, para que non haxa que levar unha tramitación ordinaria, senón que se poida facer a través dunha declaración responsable que vai axilizar moitísimo o inicio das mesmas, sempre que sexan obras menores, unha pintura de fachadas, un cambio dunha fiestra, un amaño dunha cociña, un cambio dun cuarto de baño, etc…”. Suárez Barcia engadiu que “tamén cambiamos o sistema sen pretender cobrar máis, pero si para dar maior xustiza social. Moitas veces, como temos dito noutras ocasións, diferentes técnicos que elaboran proxectos para unhas cousas similares os prezos que poden poñer son diferentes, e ás veces hai unha picaresca enorme que se trata de corrixir. O que se valora ao igual que fan noutras cidades, é o valor da obra, con independencia de se esa obra a fai un profesional que cobra máis ou outro que cobra menos. O que se valora para aplicar a taxa de licenza urbanística é o valor da obra”.
Fernando Suárez engadiu que “tamén modificamos os estatutos da Mancomunidade, ratificando a aceptación de Viveiro como novo membro deste ente. Aprobamos ademais unha proposta do concelleiro de Deportes para que os bolos sexan declarados como ben inmaterial de interese cultural e etnográfico dentro do patrimonio cultural de Galicia”.
O alcalde ribadense detallou que “tamén acordamos, a través dunha moción do PP que foi votada por unanimidade porque coincide plenamente cun escrito que desde a Alcaldía lle temos enviado á Deputación tamén hai un tempo, a cerca do estado de conservación moi malo, lamentable, das vías da Deputación. Singularmente as urbanas, a que vai por detrás do campo de fútbol, a de Ribadeo a Vilela, a que vai por Vilaselán que se interna na Lodeira, e logo tamén as outras vías de Vilaosende, de Couxela, de Arante, etc…, que se atopan non estado moi lamentable. De aí a unanimidade da Corporación Municipal que lle pide á Deputación que tome cartas no asunto xa neste ano 2017”.
Fernando Suárez declarou: “e no que ten que ver con rogos e preguntas houbo un que nos preocupa tamén porque vemos que moita xente polas noites pasea sen chaleco reflectante e pode ser perigoso. Xa fixemos hai un tempo, hai dous ou tres anos, unha campaña coordinada coa Dirección General de Tráfico, e volveremos contactar con eles para facer novas campañas neste senso. Tamén se nos pediu por parte do concelleiro Chema Suárez que había moitos nenos, sobre todo en bicicleta de noite sen sinalización lumínica, e é algo do que falaremos coa Policía Local para que informe a todas estas persoas de que en bicicleta de noite hai que circular con luces tanto traseiras como dianteiras”.
O rexedor explicou que “houbo tamén unha pregunta cunha certa preocupación tendo en conta o que se está vendo nos últimos tempos en moitos Concellos do país, sobre as situacións das tesourerías municipais, a falta de funcionarios encargados de efectuar os pagos e que está bloqueando algúns Concellos. Temos que dicir afortunadamente que aquí non temos este problema, se ben a praza está vacante, si que está temporalmente cuberta de maneira accidental por unha funcionaria que está autorizada pola Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia. En cuestión de pagamentos Ribadeo afortunadamente non ten ningún problema, nin de liquidez nin de competencia á hora de facer os pagamentos”.





















Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
O 112 Galicia tivo constancia do accidente arredor das 13:20 horas deste martes. Segundo varios particulares, dous turismos colidiran no quilómetro 79 da LU-862. Nun vehículo había un ferido, mentres que no outro unha persoa estaba atrapada, aínda que se atopaba en bo estado trala colisión. Desde o CIAE 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Viveiro, á Garda Civil de Tráfico e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Vicedo. Unha vez no punto, a dotación de bombeiros puido liberar á persoa atrapada.
A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.
Alí salientou o papel que desenvolve este evento no impulso dos produtos agroalimentarios de proximidade, ao tempo que favorece as canles curtas de comercialización. Destacou tamén a importancia deste mercado, considerado como un dos máis antigos da provincia de Lugo, xa que ofrece unha ampla mostra dos principais oficios de artesáns da Idade Media. Ademais, permite aos asistentes gozar de actividades variadas e degustar produtos agroalimentarios diversos.
A institución provincial colabora con ambas citas, organizadas pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, cunha achega económica de 4.000€. García Porto recalcou que “estes eventos son un exemplo de como a historia da emigración pode converterse nun atractivo turístico de calidade, capaz de atraer visitantes e de reforzar o orgullo de pertenza da veciñanza”.



