Ribadeo, 14 de xuño de 2017. Desde o 16 de xuño haberá servizo de socorrismo nas praias ribadenses. Durante tres meses traballarán 10 socorristas e un xefe de equipo a xornada completa e 2 socorristas a media xornada, ademais de 3 técnicos, 1 a xornada completa e 2 a media xornada. O Concello está á espera de coñecer con cántos socorristas contará a través de Xunta de Galicia, os solicitados para traballar en xullo e agosto foron 8. Unha das novidades deste 2017 será a cadeira anfibia coa que contará Ribadeo para facilitar o baño daquelas persoas con mobilidade reducida.
A concelleira de Medio Mariño e Sostibilidade Ambiental en Ribadeo, Paz Ermida, anunciou que “o 16 de xuño comezamos a tempada nas praias. Comezamos cunha plantilla de socorristas que aínda non está completa porque estamos pendentes de que nos confirmen dende a Xunta de Galicia as xornadas que nos van asignar como outros anos. Empezamos polo tanto cunha plantilla mínima e necesaria para por en marcha parte das praias do concello de Ribadeo”.
A edil nacionalista explicou que “vimos facendo tamén as tarefas de limpeza previas ao comezo de campaña. Está posto en marcha xa o cobro nos baños na praia de As Catedrais durante todo o mes de xuño. Continuaremos como fixemos outros anos velando pola limpeza e a seguridade nos nosos areais. É verdade que cada ano temos máis afluencia de turistas e máis xente que ven a visitarnos, a coñecernos, a gozar non só das praias, que neste caso é o que nos ocupa, senón tamén de todo o resto do entorno do Concello de Ribadeo”.
A edil de Medio Mariño salientou que “dende o equipo de goberno seguimos traballando para que cada vez esas visitas sexan máis e máis numerosas, que sexamos capaces de xestionalas con orde. Hai que dicir que non nos preocupamos só na tempada de verán de telo todo en orde, senón que o resto do ano traballamos tamén para que esa situación sexa así e permita aos ribadenses e ás ribadenses vivir nun entorno agradable e cómodo”.
Ermida subliñou que “este ano imos contar con algunha novidade como é unha cadeira (silla) anfibia que solicitamos para o ano pasado e que, por circunstancias alleas a nós, chegounos un pouquiño tarde e polo tanto imos inaugurala esta tempada para dar facilidade a aquelas persoas que teñen problema de mobilidade ou algunha discapacidade para que poidan tamén gozar do baño nas nosas augas como o resto de xente”.
A concelleira ribadense sinalou que “contaremos cun equipo de limpeza para o entorno das praias da costa e tamén da propia vila. Contaremos co servizo de medio ambiente para seguir mantendo o noso entorno coidado en boas condicións, de xeito que faga agradable a estancia tanto para os turistas como para a xente de Ribadeo pola que nos seguimos preocupando tamén cada día do ano”.
Para Paz Ermida “é unha tempada importante como son tamén as outras tempadas que tivemos que asumir. Agardamos que teñamos moitisimos visitantes e que se leven unha boa imaxe de Ribadeo, e que tamén o resto de xente que vivimos aquí todo o ano poidamos gozar dos nosos areais e do noso entorno”.