Foz, 3 de marzo de 2018. As Delegacións de Cultura e de Turismo do Concello de Foz valoran moi positivamente o incremento do número de visitas rexistrado durante o pasado ano na Basílica de San Martiño. Este aumento de visitantes superou o 18 por cento respecto aos contabilizados no 2016. O concelleiro de Cultura, Ánxel Paleo Soto, lembra que “a finais de abril está previsto inaugurar o novo Centro de Interpretación da Basílica”.
Ánxel Paleo, subliña que “a Concellería de Cultura xunto coa de Turismo valoran moi positivamente os datos ofrecidos das visitas á Basílica de San Martiño. Concretamente foron 25.529 as persoas que pasaron pola catedral máis antiga de España, supoñendo un 18 por cento máis que no ano 2016, seguindo a liña alcista que se mantén dende que se creou o servizo de guía por este goberno municipal”.
O edil delegado de Cultura engade que “nesta dinámica, coa vista centrada na próxima inauguración do novo Centro de Interpretación de San Martiño que se está a equipar na reitoral e que, se as cousas van ben, a finais de abril estará listo, o equipo de goberno anuncia que se ampliará o servizo de atención e guía unha vez máis para con elo seguir promocionando unha das xoias do patrimonio mariñán e da orixe da diocese mindoniense”.
Para o concelleiro de Cultura en Foz “o incremento de máis de 4.000 persoas respecto ao ano 2016, xunto co novo equipamento museístico onde se poderán apreciar entre outros atractivos as réplicas do báculo e o anel de San Gonzalo, e tamén o incremento das horas de atención á Basílica de San Martiño, presaxian que os datos de visitas segan batendo records, ademais de ser un servizo moi ben puntuado en calidade en TripAdvisor”.
Ánxel Paleo comentou tamén: “os dous concelleiros, José Antonio Hermida Fernández e máis eu, agradecemos tamén ao goberno galego a súa aposta polo Concello de Foz creando dous centros de referencia turística que serán inaugurados en próximas datas: A Mariña Virtual, no Cenima, que financiou a Axencia Galega de Turismo, e o propio Centro de Interpretación de San Martiño, financiado pola Consellería de Cultura. Ambas son apostas da Xunta de Galicia cun investimento total de máis de 400.000 euros”.