Foz, 9 de maio de 2018. O ensaísta, dramaturgo, escritor e actor Manuel Lourenzo visitou este mércores o Instituto de Secundaria (IES) de Foz. Ofreceu unha charla dirixida aos alumnos e alumnas de 4º curso da ESO e de 1º de Bacharelato, pero asistiron moitos máis estudantes do centro, que encheron o salón de actos.
Esta actividade foi organizada polo Departamento de Lingua Galega do IES de Foz e a profesora Ana Belén Paleo explicou que Manuel Lourenzo “fixo unha exposición variada sobre os seus comezos no teatro e a actividade foi bastante dinámica porque os alumnos interactuaron con el, polo que resultou moi ameno. Para rematar sacou a un alumno e a unha alumna ao escenario para facer con el unha improvisación. Durante a charla falou moito do seu traballo no teatro e houbo moitas preguntas do alumnado sobre as súas experiencias no audiovisual, sobre todo na serie Fariña, e contou como foi o seu traballo nesa produción, sobre o que dixo que lle resultou difícil”.
A actividade desenvolveuse durante dúas horas e media porque os alumnos que asistiron “non querían marchar pois estaban moi a gusto escoitando a Manuel Lourenzo”, comentou Ana Belén Paleo.
O director do IES de Foz, Nicolás Asensio, amosouse moi satisfeito do resultado desta actividade: “foi un éxito”, comentou.
