Nota de Prensa
O deputado Rosendo Fernández cualifica de “vergonzoso” que ataquen a xestión da actual Xunta “quen xogou con enfermos para manipular e maquillar estatísticas en favor de intereses políticos”
O GRUPO POPULAR CONSIDERA UN AVANCE FUNDAMENTAL A REDUCIÓN DOS TEMPOS DE ESPERA PARA CIRURXÍAS GRAVES E VE NAS CRÍTICAS DO PSOE UNHA CONFIRMACIÓN DE QUE AOS SOCIALISTAS NON LLES IMPORTA O BENESTAR DOS CIDADÁNS
* “O Goberno de Núñez Feijóo está a cumprir os seus compromisos con seriedade e rigor centrándose nos pacientes e non en números, e todo iso partindo da lamentable situación que deixou o Bipartito” afirma o voceiro de Sanidade do Grupo Parlamentario do PPdeG.
* O deputado do PPdeG lémbralle ao PSOE que o Hospital de Vigo “non é que acumule ano e medio de retraso, senón que estivo aprazado toda a lexislatura do Bipartito, que o único que fixo foi presentar o proxecto máis de cinco veces”.
Santiago, 28 de xaneiro de 2010.- O voceiro de Sanidade do Grupo Parlamentario Popular de Galicia, Rosendo Fernández, considera un avance fundamental e “un paso importante no camiño correcto para que os galegos teñan unha Sanidade de calidade” a redución acadada dos tempos de espera para cirurxías graves -as consideradas de prioridade 1-, nas que por primeira vez en Galicia se cumpre o requisito legal dun tempo medio de espera inferior a 30 días. Tra-los datos ofrecidos pola conselleira hai dous días, o Grupo Popular ve nas críticas vertidas polo PSOE unha confirmación de que aos socialistas non lles importa o benestar dos cidadáns.
“O PSOE demostrou nos seus catro anos de Goberno que o último que lle interesaba era que os galegos estiveran ben atendidos”, apunta Rosendo Fernández, quen lembra que a Sanidade en Galicia “acadou os peores niveis de calidade na etapa do Bipartito” e que os seus responsables “chegaron ao estremo de agochar pacientes nun caixón para desinflar as listas de espera”. Todo iso, engade o deputado, “dentro dunha xestión caótica e perversa, na que se despilfarraban recursos públicos para pagar xornadas extraordinarias mentres diminuía incomprensiblemente a actividade en horario ordinario”.
O portavoz de Sanidade dos deputados populares cualifica de “vergonzoso” que ataquen a xestión da actual Xunta “quen xogou con enfermos para manipular e maquillar estatísticas en favor de intereses políticos”. Nese sentido, resalta que o criticable, “por estar fóra de toda ética”, é “retrasar o proceso diagnóstico para diminuír os tempos de espera no proceso cirúrxico”, así como “aumentar a asistencia a procesos de menor prioridade pero que teñen maior tempo de lista de espera para acurtar a cifra final”, como facían os socialistas na súa etapa de responsabilidade á fronte da Consellería.
PACIENTES E NON NÚMEROS
“O Goberno de Núñez Feijóo está a cumprir os seus compromisos con seriedade e rigor centrándose nos pacientes e non en números, e todo iso partindo da lamentable situación que deixou o Bipartito” afirma o voceiro de Sanidade do Grupo Parlamentario do PPdeG.
Para Rosendo Fernández, a xestión do actual Goberno “acerta de cheo ao priorizar aos pacientes e poñer caras ás decisións de xestión que se adoptan”, rachando coa “inadmisible” práctica do Bipartito, “que focalizaba o esforzo nos valores estatísticos”. Os datos presentados pola conselleira demostran, para o deputado, que “se está a traballar na liña correcta de mellora do rendemento cirúrxico e de mellora na organización da actividade ordinaria”.
Así mesmo, salienta que se aumentaron substancialmente as intervencións en xornada ordinaria e que se aplicou “a transparencia total, en contraste coa ocultación a que nos tiñan afeitos os socialistas”, de forma que agora inclúense nas listas todos os pacientes que non estaban rexistrados, “pacientes que pasaron probas diagnósticas e que se sumaron á lista de espera cirúrxica”. Un exercicio “necesario”, en opinión do deputado popular, porque “non e cuestión de enmarscarar cifras, senón de mellorar de verdade os tempos de resposta, priorizando segundo a gravedade dos pacientes”.
HOSPITAL DE VIGO
Doutra banda, o voceiro de Sanidade do Grupo Popular lémbralle ao PSOE que o Hospital de Vigo “non é que acumule ano e medio de retraso, senón que estivo aprazado toda a lexislatura do Bipartito, que o único que fixo foi presentar o proxecto máis de cinco veces”. En relación con ese hospital, Fernández reitera que “está garantido que a xestión e a asistencia van ser públicas ao cen por cen, porque a concesión á para os servizos non sanitarios” e gaba a decisión da Xunta de optar polo modelo concesional de pago aprazado, que permitirá reducir de 10 a 4 anos o tempo para contar con ese centro, que estará en funcionamento en 2013, así como crear 2.400 postos de traballo, algo que “ao parecer, supón un problema para o PSOE”.
Con este modelo, garántese que se comece a pagar a concesión dos servizos non sanitarios cando se dispoña da infraestrutura e que a Administración regule e controle a dispoñibilidade e calidade da prestación dos ditos servizos, o que supón “unha modernización da que tan necesitada está Vigo neste eido”, a través dunhas ferramentas “que están a utilizar todas as comunidades autónomas, independentemente de quen goberne nelas”.
O deputado lémbralle aos socialistas que eles “tiveron a oportunidade de facer ese hospital cando tiveron responsabilidade, pero preferiron darlle as costas a Vigo, á súa economía e á saúde dos seus cidadáns”. Pola contra, o Goberno de Núñez Feijóo “aposta por facer un novo hospital que crea emprego e que rematará coas carencias asistenciais dos usuarios da área viguesa, que o que os cidadáns e os profesionais da Sanidade de Vigo están a demandar”.


















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



