Santiago de Compostela, 28 de xuño de 18. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Loli Toja, sinalou hoxe que a Xunta deixou sen executar en 2017 o 63 por cento do programa de Competitividade e Mellora da Calidade da Produción Pesqueira e da Acuicultura, que para 2018 conta con 20 millóns de euros. No debate dunha pregunta oral en Comisión, explicou que estas cifras demostran que Feijóo “deixou de loitar para defender á nosa flota pesqueira”.
Advertiu que como consecuencia disto a facturación pesqueira diminúe en relación ao nivel de descargas nos portos, xa que “incorremos en maiores custes e non xeramos maiores ingresos porque o prezo medio diminúe cada ano, o que supón o empobrecemento do sector pesqueiro”.
As consecuencias do desleixo da Xunta, explicou, son que o goberno galego permitiu a perda de 4.400 persoas ocupadas no mar, que deixan as súas embarcacións en dique seco pola falla dunha política de relevo xeracional. Amosou a súa sorpresa polo anuncio da Xunta de que destinarían 400.000 euros a formación, a metade dos 800.000 previstos para os orzamentos do ano pasado.
Un de cada cinco homes e unha de cada tres mulleres, dixo, abandonaron o sector sen opción de renovación por falla de futuro. Advertiu que o sector pesqueiro é o que máis poboación ocupada perdeu no último ano, un 21 por cento dos seus integrantes, unha situación especialmente grave no caso das mulleres, xa que a redución aumenta ata o 31 por cento.
Mentres, o goberno galego só executa o 30 por cento do programa con maior asignación económica dos orzamentos da Consellería do Mar, ao tempo que reduce partidas como eficiencia enerxética ou os seguros de mal tempo e deixa sen executar os plans de seguridade, como o de sinalización de bateas.
Agravio comparativo
Toja acusou hoxe ao presidente da Xunta de “renunciar a defender a nosa flota e de loitar por defender un sector no que o 85 por cento constitúe pesca artesanal”, deixando os brazos caídos na loita por obter unha maior representación no reparto de cotas de pesca. O resultado, dixo, é un “agravio comparativo” nos métodos de asignación das posibilidades de pesca.
Na comparecencia da directora xeral de Pesca para informar sobre a evolución da xestión e ordenación das flotas nos caladoiros cantábrico e noroeste, explicou que Galicia sae claramente prexudicada. No caso da xarda, unha arte de cerco, Galicia ten o 24 por cento das posibilidades de pesca cando conta con 150 buques, mentres Cantabria, con 44 buques, ten o 24 por cento, e o País Vasco, con 66 buques, ten o 50 por cento.
No caso do arrastre, Galicia pasou de 111 buques en 2010 a apenas 78 hoxe, e nas artes distintas ao arrastre e cerco, Galicia ten o 18 por cento das cotas a pesares de contar con máis do 90 por cento das embarcacións totais con caladoiro Cantábrico Noroeste.







Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.



