Burela, 3 de agosto de 2018. Burela ofrece unha intensa axenda de actividades para esta fin de semana coa celebración da Feira do Bonito, Produart e Amarte. O pregón da Feira correrá a cargo de Fernando Romay e nela serviranse mais de 4.000 racións de túnido á grella, cocido, en salpicón, en empanada e en marmitako. Desde o Concello agardan a presenza de arredor de 12.000 persoas durante estes días en Burela. O alcalde, Alfredo Llano, convida a veciños e visitantes a gozar de toda a programación prevista.
O rexedor burelés subliñou que “o principal é a Feira do Bonito que vai ter lugar o sábado e o domingo pola mañá. Vai estar complementada con outras actividades como Produart, que se vai inaugurar hoxe ás sete e media da tarde. Produart é un escaparate moi bo para ver e mercar produtos ecolóxicos e artesáns. Contamos cuns 50 stands con moitísimos produtos e artesanía, ademais de conferencias e obradoiros. Vai ser un atractivo moi bo que complementa perfectamente a Feira do Bonito”.
Alfredo Llano contou que “o bonito este ano vaise preparar á grella, cocido, en marmitako, en empanada e en salpicón. Imos ter 3.500 quilos que se van repartir nunhas 4.000 racións aproximadamente en bandexas con ese produto. Vai vir moita xente. Contamos que se acheguen entre 10.000 e 12.000 persoas porque hai moita xente pola comarca da Mariña, pero tamén hai moita xente interesada en vir a este tipo de feira, da provincia de Lugo, de Asturias e de diferentes lugares”.
O alcalde lembrou que “a nosa pretensión é que veña xente de moitos sitios porque pretendemos que esta feira sexa declarada de interese turístico nacional. Estamos dando os pasos para que isto sexa así a partir deste ano. Paralelamente á Feira do Bonito, xa empezaron onte a traballar no concurso Amarte, que é un certame de pintura mural internacional. O ano pasado comezara con des obras e este ano vai haber outras dez. É un atractivo moi visitado para ver esa arte no muro do porto”.
Llano convida a todo o mundo a vir participar, a compartir o bonito que temos en Burela e a Feira, que pasen por Produart, que vexan tamén os murais e que vaian ver o deporte do 3×3 de baloncesto. Tamén temos un ciclo de cine dedicado ao mar, con películas relacionadas co mar. Comezaron onte, estivo aquí Miguel de Lira, e van seguir todos estes días ata o domingo. Polo tanto a xente que veña a Burela non se vai aburrir, vai estar perfectamente atendida e vai ter unha diversidade extraordinaria para ocuparse durante toda esta fin de semana”.
O rexedor burelés engadiu que “esta Feira do Bonito non é soamente unha exposición de produtos gastronómicos, senón que pretendemos que se coñeza o noso concello e a nosa forma de pescar o túnido a través de métodos sostibles, respectuosos co medio e co produto, a forma de almacenar, de traelo aquí e darlle unha trazabilidade que garante que son bonitos do norte, pescados no litoral Cantábrico. Polo tanto tamén iso é unha forma extraordinaria de dar a coñecer o noso mar, os nosos mariñeiros e os nosos produtores, pero tamén de dar a coñecer o noso concello. Esperemos que isto sexa un motivo moi bo para que sexa visitado no futuro pola xente que veña estes días aquí”.
