Foz, 26 de novembro de 2018. O Concello de Foz aprobou en xunta de goberno, máis de 30 convenios das subvencións nominativas anuais que concede a asociacións culturais, deportivas e sociais do municipio. O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, salientou que son un total de 184.000 euros moi ben investidos.
O rexedor focense anunciou que “hoxe tivo lugar unha xunta de goberno importante, na que se aprobaron máis de trinta convenios de subvencións nominativas a cargo dos orzamentos municipais do ano 2019 por arredor de 184.000 euros. Son as subvencións anuais que se conceden a todos aqueles grupos culturais tanto do eido musical, do teatro ou doutras organizacións e tamén do ámbito deportivo e social”.
Javier Castiñeira subliñou que “son máis de trinta organizacións que sosteñen o noso tecido cultural e practicamente toda a axenda cultural, deportiva e social do municipio e, coa colaboración do Concello, durante todo o ano fanse centos de actividades e de programacións de todo tipo”.
O alcalde engadiu: “estamos contentos porque son 184.000 euros moi ben investidos no propio pobo, que dan para os gastos de funcionamento destas asociacións. Sabemos que para a maior parte delas este é o seu maior ingreso e despois outras colaboracións doutras organizacións, pero si que é ben certo que para o seu funcionamento, no día de hoxe, é moi importante que sexan financiadas polo Concello”.
Ademais Castiñeira fixo fincapé en que “estamos encantadísimos de seguir apostando polo noso tecido asociativo, desde logo, e iso vai nos resultados anuais que teñen todas estas asociacións. Aproveitamos tamén para agradecer a todas aquelas xuntas directivas de todo tipo, do eido cultural, social e deportivo, a todos aqueles que emprenden dalgunha forma, ademais de maneira altruísta, algunha actividade no noso concello. Sabemos que é posible que haxa que tratar de mellorar estas subvencións nalgún momento, pero ese compromiso anual do Concello está aí; e a partir de agora ábrense xa os períodos para poder xustificalas e cobralas nos próximos meses”.