- A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo este martes unha reunión co secretario xeral de FeSMC-UXT Galicia, Lalo Romero, e co responsable do sector marítimo-portuario desta organización sindical, Carlos Tubío
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.
- Falece un ciclista en Foz
Pasadas as 13:30 horas deste luns, o 112 Galicia tivo constancia, a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dun ciclista que se atopaba en parada cardiorrespiratoria no quilómetro 1 da LU-151, á altura da parroquia de Fazouro. De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local de Foz. Malia os esforzos, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento da persoa.
- 0 programa de promoción de produtos de razas autóctonas 'Un gusto de rural, un rural degusto' da Vicepresidencia da Deputacióm estivo presente no Mercadiño no Outono, organizado este domingo polo Concello de Barreiros
A variada oferta de produtos de artesanía e de alimentación de temporada e proximidade á venda complementouse con degustacións de minihamburguesas de carne de raza Limiá e empanada de carne de porco celta e tenreira de raza Caldelá, que se repartiron gratuitamente entre as peroas que fixeron algunha compra no Mercadiño.
- Dende o martes 13 e ata o venres, 16 de outubro, ambos incluídos, permanecerán cortados ao tráfico varios treitos da estrada provincial LU-P-2601 debido ao inicio dos traballos de aglomerado en quente nesta vía que comunica Xove co Portiño de Morás
Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
- A Deputación abriu o prazo do IX Concurso de Fotografía polo 20 aniversario da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, con premios de 800, 500 e 300 euros para imaxes que reflictan a riqueza natural e cultural do territorio
Cada participante pode presentar unha única fotografía, en papel e formato dixital, seguindo as bases dispoñibles na web da Deputación. A celebración do aniversario inclúe actividades como a Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha xornada micolóxica e un obradoiro de rescate na montaña, ademais doutras propostas ambientais e divulgativas nos próximos meses.
- Mondoñedo celebrará o sábado 17 de outubro unha homenaxe a Xosé Vizoso no Auditorio Municipal Pascual Veiga
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
- Dúas alumnas do IES de Foz, Marta Chao e Kiara Cabado, de segundo curso do Ciclo Medio de Cociña, participarán a vindeira semana no 25 Campionato Mundial de Pizza Picante en Calabria (Italia)
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.