- O Concello de Vilalba participou na XVI Feira do Indiano e nas XVI Xornadas sobre Migracións Indianas, organizadas pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa co apoio da Deputación de Lugo e do Consello da Cultura Galega
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continúa con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
- Unha persoa ferida logo dunha colisión entre un coche e un autobús na A-8, en Ribadeo
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
- O Centro de Formación Ocupacional de Burela acolle un curso de español para persoas estranxeiras
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
- A Presidenta da Deputación, Carmela López, recibiu este venres ao Cónsul Xeral de Portugal en Galicia, João Bezerra da Silva, co que mantivo unha reunión de traballo, co obxectivo de afianzar lazos e reforzar a colaboración entre ambas institucións
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.
- Continúan as actividades do irmanamento entre Ribadeo e Loktudi
Este venres visitaron Ferrol e As Pontes, e o sábado serán os actos institucionais de benvida no concello de Ribadeo. Pola mañá será inaugurada unha placa conmemorativa da visita, e despois a recepción oficial na Casa do Concello.
- O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, subliñou este venres a variedade de programas que desenvolve o Goberno galego para promover o emprendemento e a competitividade das empresas, ”ofrecendo ao talento as oportunidades que precisa”
Villares detallou algunhas destas accións no encontro empresarial organizado en Vilalba pola organización profesional BNI LOU VCR Breogán, un grupo de networking integrado por unha trintena de empresarios e profesionais da provincia. Entre outras, referiuse ás axudas para favorecer o establecemento dos traballadores autónomos ou para o fomento da contratación; os plans do Igape para a expansión e innovación do tecido produtivo, ou as iniciativas de formación. “Apoiar as empresas, as pemes e aos autónomos é apoiar o futuro do territorio”, afirmou.
- Frans Banfield e Juanma Ons chegan ao Salón dos Pilares cunha proposta íntima e envolvente: tango malevo e clásicos do Río da Prata, nunha viaxe musical que combina creacións propias e unha escolma de pezas emblemáticas da tradición riopratense
Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.