- A Presidenta da Deputación, Carmela López, e a Alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, revisaron o dispositivo do FIV, que arranca este venres cun apoio provincial de 50.000 €
Actuarán Carlos Ares, Celia Becks, Futuro Alcalde e Alcalá Norte, e o sábado será a quenda de La M.O.D.A., Ángel Stanich, Puño Dragón e Repion. López destacou o impacto económico do festival, cun retorno estimado dun millón de euros, mentres que Rouco subliñou a súa importancia turística e a achega municipal de 120.000 €.
- O grupo de danza da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo participará no Encontro de Centros de Danza, tras ser convidado polo Conservatorio Profesional de Danza de Lugo
O evento celebrarase este sábado 25, de abril, na capital lucense. Durante a xornada matinal, o alumnado asistirá a clases impartidas por profesionais de distintas disciplinas, tanto do ámbito da danza clásica como da moderna. Pola tarde, ás 19:30 horas, o grupo da EMMeD subirá ao escenario do Auditorio Gustavo Freire xunto aos demais centros convidados, nunha actuación que servirá como peche desta xornada de convivencia e intercambio artístico.
- Falece un home tras sufrir un accidente cunha vaca en Muras
Un home perdeu a vida este xoves tras sufrir un accidente cunha res no lugar de Carelle Grande, na parroquia do Burgo (Muras). O suceso tivo lugar sobre as 19 horas, cando un familiar deu a voz de alarma ao 112 Galicia e explicou que o implicado fora aplastado polo animal. De inmediato, activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazaron ao punto o helicóptero medicalizado con base en Santiago, e a Garda Civil. Unha vez alí, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento do home.
- O Concello de Cervo celebra o Día do Libro, unha data dedicada á maxia das historias, da imaxinación e das palabras que nos permiten viaxar sen movernos do sitio
Con motivo desta conmemoración, o Concello anima á veciñanza a participar no Certame do Día do Libro, unha iniciativa pensada para fomentar a creatividade en todas as idades. Categorías do certame: Infantil (3-6 anos): creación dun marcapáxinas orixinal. Primaria (7-11 anos): continuación dunha historia proposta. Adultos (12+ anos): relato, anécdota familiar ou continuación da historia proposta. Data límite: 30 de abril. Envío por correo: prensa@concellodecervo.com. Envío por WhatsApp: 683 315 939
- A UNED de Lugo participou na XII edición do Taller de Boas Prácticas de Centros Asociados, un encontro que reuniu a máis de cen profesionais da rede para compartir iniciativas innovadoras
A directora, Ana Traseira, e o brand manager, Carlos García, representaron ao centro lucense, que presentou a experiencia “A comunicación: unha nova ponte cara Lugo”, recoñecida co Accésit do Consello Social da UNED 2025. O proxecto destaca pola súa aposta pola innovación, a proximidade e a mellora continua na relación coa contorna. A UNED de Lugo agradeceu a oportunidade de participar nun espazo que reforza a colaboración e contribúe a construír unha universidade máis conectada, accesible e comprometida.
- 'Preto de ti' segue achegando ás parroquias ribadenses máis actividades para ás veciñas e os veciños
Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.
- Gabriel Vilar Longarela, do Valadouro, gaña en Santiago o XXII Trofeo Especial ao Mellor Cóctel con Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia
Fixoo no marco do Campionato Galego de Coctelería celebrado no Hostal dos Reis Católicos.