- Máis de vinte representantes dos GALP galegos participaron entre o 28 de setembro e o 2 de outubro nunha visita de estudo ao País Vasco para coñecer experiencias de relevo xeracional, formación e innovación no sector marítimo‑pesqueiro
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.
- A actuación de Pili Pampín ateigou o campo da festa de San Miguel de Reinante, en Barreiros, nunha fin de semana festiva apoiada pola Vicepresidencia da Deputación e o Concello
A artista, referente da música popular galega, conectou cun público diverso que gozou dunha sesión vermú marcada por máis de trinta anos de traxectoria. O concerto serviu tamén como despedida e recoñecemento a Valentín González e Viviana Pérez, que deixan a organización da comisión de festas tras dúas décadas. O deputado de Mocidade, Daniel García, destacou a importancia da implicación veciñal para manter vivas as celebracións que fortalecen a identidade comunitaria e reafirmou o apoio da Deputación ás redes asociativas e á programación cultural en galego. A actuación forma parte da iniciativa provincial para achegar música tradicional e en galego a todos os públicos.
- A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, asistiu este sábado á XXXIV Festa da Faba de Lourenzá, onde salientou o papel deste evento como elemento de dinamización socioeconómica do rural
Cómpre sinalar que este produto conta cun distintivo de calidade diferenciada, a Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, un dos 36 selos recoñecidos en Galicia que amparan a súa excelencia. Neste sentido, a Xunta vén de lanzar a nova marca Aquí Sabemos, coa que se busca reforzar o coñecemento e a identificación por parte dos consumidores dos produtos alimentarios galegos protexidos por figuras de calidade diferenciada.
- Xurxo Souto volveu enchoupar Ribadeo coa súa enerxía creativa nun encontro celebrado este venres polas rúas da vila e na Biblioteca Municipal El Viejo Pancho, organizado pola A.C. Francisco Lanza
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
- A XXXIX Feira do Mel do Valadouro celebrarase o sábado 10 de outubro, de 10:00 a 19:00 horas, na Praza de Santa María e na rúa Andrés López Palmeiro
O evento ofrecerá mel, produtos de tempada, artesanía, gastronomía e outras propostas locais. O Concello do Valadouro mantén aberto o prazo de inscrición para persoas e empresas expositoras, que poden presentar a súa solicitude na sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” ata o martes 6 de outubro, ou ata completar os postos dispoñibles.
- Ata este domingo, 4 de outubro, desenvolvéronse en Ribadeo as xornadas gastronómicas do mexillón
Estiveron organizadas por Acisa e financiadas pola Área de Medio Rural e Mar da Deputación de Lugo. 25 locais hostaleiros ofreceron tapas e racións en diversas preparacións. Acisa repartiu entre os establecementos 1.100 quilos de mexillóns para esta cita gastronómica. Ata Ribadeo se achegou o deputado Dani García, que estivo xunto á presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, e os concelleiros ribadenses Martín Graña e Vicente Castro.
- A XXXIV Festa da Faba de Lourenzá foi a protagonista do programa Voces de Lugo, de RadioVoz, que se emitiu este venres en directo desde a Praza do Conde Santo para toda a provincia
Neste espazo radiofónico Félix Jorquera falou coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; co concelleiro de Cultura, Manuel Arango; con José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e pregoeiro desta edición da festa; co chef Pedro Barreira; e con Antonio Irimia, presidente do club VespaFaba & Clásicos, de Lourenzá. Por diante queda toda unha fin de semana chea de actividades arredor da faba de Lourenzá. Os organizadores animan a acudir a esta cita.