- Vilalba presenta “Seráns con son”, un ciclo musical que traerá sete actuacións á alameda Basanta Olano entre xullo e agosto
Os concertos serán os xoves ás 20:30 h e incluirán propostas variadas como The Swinging Flamingos, Terrae & Nastasia Zürcher, César de Centi, Silvia Penide, Bela Clarlo, Disquetera e unha sesión especial de DJ Mr. Fishman o 11 de agosto. O Concello destaca que esta iniciativa busca dinamizar os espazos públicos, ampliar a oferta cultural do verán e converter a alameda nun punto de encontro para veciñanza e visitantes.
- Dani Moirón será o adestrador do Ribadeo FC a vindeira tempada
Renova o seu compromiso co club despois de facerse cargo do equipo a mediados da campaña pasada. O técnico pontenovés afrontará este novo ciclo con traballo, compromiso e ilusión para seguir liderando a nave celeste.
- O XXXIII Festival Folclórico Infantil celebrarase este sábado, 27 de xuño, ás 19:30 no pavillón do CEIP San Miguel, en Reinante
O evento, organizado por O Arco da Vella coa colaboración do Concello de Barreiros e o CEIP San Miguel, contará coa participación dos grupos ACF Gamelas e Anduriñas de Espasante e O Arco da Vella de San Miguel de Reinante. Antes do festival haberá un pasarrúas con saída desde a Praza do Souto.
- O Concello de Cervo pechou a tempada do programa Arruguiñas cunha cita especial celebrada este luns, na que tivo lugar unha nova edición de Arruguiñas Charlando
A actividade puxo o broche final ao Programa Integral de Envellecemento Activo Municipal cunha charla sobre a xestión emocional das enfermidades neurodexenerativas, impartida pola psicóloga Carmen Breijo, da Fundación Degén, quen ofreceu un espazo de reflexión, aprendizaxe e orientación. A sesión contou tamén coa presenza do concelleiro Alfredo Fernández, que destacou a importancia de crear espazos de participación, coidado e benestar para as persoas maiores. O Concello agradeceu a colaboración da Asociación de Xubilados Terramar e da Fundación Degén, así como a participación de todas as persoas asistentes.
- Este venres, 26 de xuño, ás 20:30 horas, terá lugar na libraría Bahía de Foz a presentación do libro Mazarelos, de Manuel Portas
No acto acompañará ao autor o filólogo e escritor Ramón Reimunde.
- A vindeira segunda feira, 29 de xuño, comeza a décimo terceira edición da Escola de Minitalentos, organizada por Academia A Mariña para nenos e nenas de 3 a 12 anos
Trátase dun proxecto educativo pioneiro en Galicia que traballa a autoestima, a motivación e as intelixencias múltiples. A directora, Raquel Hermida, salienta que o programa busca fomentar o talento infantil a través de experiencias novas, traballo en equipo, creatividade e proxectos de emprendemento. A escola funcionará de 8:00 a 15:00 horas para facilitar a conciliación e ofrecerá talleres de oratoria, comunicación e intelixencia emocional, ademais de reforzo escolar, novas tecnoloxías e mecanografía. As persoas interesadas poden obter máis información no teléfono 982 58 50 98 ou no correo raquel@amarina.org.
- O venres 19 de xuño celebrouse a graduación de Ciclos formativos do IES Perdouro de Burela
O alumnado de 2º curso das familias profesionais de Instalacións e Mantemento, Imaxe Persoal e Administración e Xestión remataron o curso e a súa formación en centros de traballo co que xa conseguiron a súa titulación como técnicos de grao medio ou grao superior para incorporarse ao mercado laboral. Desde o IES Perdouro, destácase o alto grao de empregabilidade destas ensinanzas e a importancia que para o ámbito laboral ten a incorporación destes profesionais, ao mesmo que lles trasladamos os parabéns pola súa recente titulación.