18 de Setembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O delegado de Cultura da Deputación inaugurou o “I congreso de Casas de Turismo Rural de A Mariña”

27-02-10

CERVO .- Esta mañá, o delegado da Área de Cultura e Deportes da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, inaugurou na casa da cultura de San Cibrao o 1º Congreso de Casas de Turismo Rural na Mariña lucense. Esta xornada, destinada a propietarios de casas de turismo rural, axentes de dinamización turística, persoas con responsabilidade institucional no eido do turismo, hostaleiros, etc., levouse a cabo grazas ao apoio da Área de Turismo da Deputación de Lugo, quen ademais subvencionou a elaboración dunha guía de casas de turismo rural da comarca. A través deste congreso, os principais axentes implicados no desenvolvemento turístico da comarca da Mariña puideron analizar, debater e albiscar novas oportunidades turísticas, xa que contaron coa presenza do recoñecido experto en patrimonio industrial Xoán Carmona Badía, quen disertou sobre diferentes experiencias e posibilidades do turismo industrial na comarca.

No acto de inauguración do congreso, o delegado da Área de Cultura e Deportes da Deputación destacou “a importancia de realizar xornadas técnicas coma esta para analizar e poder aproveitar os recursos turísticos dunha comarca eficientemente”, de xeito que os axentes especializados no desenvolvemento turístico poidan conectar directamente coas persoas, colectivos e institucións implicadas no turismo dun territorio.

Na súa intervención, Veiga quixo salientar “o traballo de colaboración cos Concellos que desde a Área de Turismo da Deputación se está a levar a cabo para desenvolver o potencial turístico que posúe A Mariña” e citou algúns exemplos de campañas e eventos realizados coa colaboración da Deputación en diferentes concellos, que resultan un éxito de público na maioría dos casos, como a Feira do Bonito, a Festa da Faba en Lourenzá, etc.

Neste sentido, Antonio Veiga concluíu desexando “que este congreso sirva como un punto de encontro das persoas e institucións implicadas no turismo na zona e permita extraer conclusións acertadas sobre as liñas a potenciar de cara a lograr que unha comarca con inxentes potencialidades turísticas se converta nun referente e logremos que este sector axude a dinamizar socioeconomicamente a Mariña”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive