19 de Maio de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Ribadeo oferta teatro, exposicións e música no segundo trimestre e celebra o Día das Letras

22-04-10

Ribadeo (FNC) .- Teatro, animación á lectura para os máis pequenos, exposicións e música compoñen a oferta cultural de Ribadeo para o segundo trimestre do ano. A programación arranca hoxe coa inauguración dunha exposición e o domingo cunha representación teatral.

A concelleira de Cultura conta que “en Ribadeo contaremos con tres obras teatrais de moi distinto carácter neste trimestre. Comezamos este domingo 25 de abril con O forno, da compañía Elefante Elegante. É unha formación galego-portuguesa que crea espectáculos que teñen moi en conta o teatro físico e a plástica. A obra que nos presentan  ten entre os seus atractivos o de pertencer a un xénero clásico que poucas veces se ten oportunidade de ver, o da commedia dell’arte. Ademais é unha crítica ao consumismo que caracteriza a sociedade contemporánea. A pesares de ser unha función programada en horario de adultos, ás 20:30 horas no auditorio Hernán Naval, é recomendable para todos os públicos e xa está sendo habitual que pais e nais acudan cos seus nenos a vela”.

Mariluz Álvarez Lastra segue a relatar que “o 9 de maio Sarabela Teatro presentará A Esmorga, obra cume da nosa novela moderna levada ás táboas por unha compañía de enorme prestixio. A montaxe foi a grande gañadora dos últimos premios María Casares cos galardóns ao mellor espectáculo teatral, ao mellor actor secundario, á mellor iluminación, á mellor escenografía e á mellor adaptación-tradución. E por último, o 23 de maio visita Ribadeo Bengala Producións, unha compañía especializada en achegar a ópera ao grande público e que xa ofrecera un espectáculo no Hernán Naval en 2007. Desta vez, estamos diante dunha obra de teatro, Master Class, que xira arredor do personaxe de María Callas. A actriz María Torres e Lino Braxe acompañan a Mabel Rivera, a actriz que da vida á cantante. Os dous papeis líricos están reservados á soprano Julia Cea e ao tenor Henrique Martínez”.

A concelleira de Cultura explica que “continuamos coas actividades para os máis pequenos e sobre todo coa animación á lectura. Os sábados pola tarde a nosa biblioteca municipal transfórmase nun espazo de contacontos e actividades arredor dos libros. Este trimestre teremos unha cita o 5 de xuño ás cinco e media da tarde cun espectáculo denominado Xogando cos contos e cos debuxos, trátase de que os nenos vexan como se poden ilustrar os contos”.

Exposicións

Nesta tempada haberá  dúas exposicións en Ribadeo. Unha que se inaugura hoxe na OMIC e patrocinada por Cajastur, Os últimos neanderthais. O alumnado de primaria terá oportunidade de visitala. Mañá venres a partires das 10 da mañá acudirán oas alumnos do colexio Gregorio Sanz. A actividade inclúe un obradoiro con barro. Logo do remate da cuarta edición de Mariñarte que recibiu arredor de 1.000 visitas, o I Certame de Pintura Rápida, organizado polo Concello e o CCA, foi unha das actividades que máis expectación despertou no inicio desta primavera. A partires do 5 de maio poderánse ver na OMIC as 19 obras participantes.

Letras Galegas

Álvarez Lastra engade que “Pan e Letras leva por terceiro ano consecutivo a figura homenaxeada o día das Letras Galegas, nesta ocasión Uxío Novoneyra, a quioscos, librarías e puntos de venda de pan. Como sabedes, o 17 de maio repartimos nestes estabelecementos un cartón cun texto alusivo acompañado dun deseño. A obra escollida para figurar no cartón é a gañadora dun concurso realizado coa colaboración dos centros de ensino. Na celebración das Letras Galegas tamén estará presente a Banda de Música que ofrecerá un concerto o 16 de maio”. Ademáis o 29 de abril a Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo celebra o Festival de Danza, e durante o mes de maio haberá audicións de toda a Escola que se irán publicitando a medida que se aproxime a data de celebración. O 25 de xuño será o Festival fin de curso da EMMD no auditorio municipal.

A edil de Cultura suliñou que “Ribadeo acollerá este ano o Cerrelingua da Mariña o vindeiro 5 de maio. En total participarán uns 1.200 rapaces. Trátase dunha carreira que implica a profesorado e alumnado de todo o país. É unha maneira de chamar a atención sobre a situación de inferioridade que segue a sufrir a nosa lingua e un xeito tamén de reivindicar a súa plena normalidade sobre todo entre os máis novos”.

Completan a programación cultural deste trimestre o II Certame Hernán Naval de Intérpretes Mozos, que será segundo Mariluz Álvarez, “moi concurrido porque xa se agotaron todas as prazas”; e tamén o XXI Curso de Verán da Fundación Luis Trelles.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive