10 de Decembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Cincocentos rapaces de Ribadeo participarán na campaña “Un futuro por compartir en igualdade”

24-11-10

Nota de prensa:

CINCOCENTOS RAPACES DOS CENTROS DE ENSINO DE RIBADEO PARTICIPARÁN NA SEXTA EDICIÓN DA CAMPAÑA UN FUTURO POR COMPARTIR EN IGUALDADE QUE ORGANIZA O CONCELLO. INCLÚE CONTACONTOS, OBRADOIROS DE COEDUCACIÓN E UN CONCURSO DE GUIÓNS CINEMATOGRÁFICOS.

Ribadeo, 24 de novembro de 2010. Cincocentos rapaces dos centros de ensino de Ribadeo participarán na sexta edición da campaña Un futuro por compartir en igualdade que organizan a Concellaría da Muller, o CIM e a Oficina Municipal de Información Xuvenil. Haberá contacontos para os nenos de infantil, obradoiros de coeducación para os alumnos de 5º e 6º de primaria e concurso de guións cinematográficos para os rapaces de 1º, 2º, 3º e 4º de ESO e para os dos ciclos formativos.
Na presentación da campaña que tivo lugar esta tarde no salón de plenos do Concello o alcalde, Fernando Suárez, sinalou que “con motivo da celebración o 25 de novembro do día internacional contra a violencia de xénero desde o Concello e coa colaboración dos centros de ensino da localidade levamos xa tempo desenvolvendo diferentes actividades cos nenos e cos adolescentes. Cremos que se trata dun instrumento indispensable para acadar unha situación real e efectiva de igualdade entre homes e mulleres en todos os ámbitos da vida e comezando polo educativo”. O rexedor agarda que “os nenos e as nenas de Ribadeo o día de mañá poidan compartir un futuro en igualdade deixando atrás estes roles que a sociedade e a historia nos deron de homes por un lado e mulleres por outro. Con esta nova educación confiamos en que o futuro sexa máis igualitario entre todos os nenos e nenas que dentro de pouco serán homes de mulleres”.
A responsable do Centro de Información ás Mulleres, Luisa González, explicou que “como ven sendo habitual realizamos actividades en todas as etapas do sistema educativo obligatorio. En infantil traballamos cos nenos de 3 e 4 anos con algo máis propicio para a súa idade como é un contacontos, que tratará a temática da igualdade. En primaria as actividades están dirixidas aos alumnos de 5º e 6º e consistirán nuns obradoiros de coeducación baixo o título Detectives no fogar, os pequenos e as pequenas poderán indagar o que é a corresponsabilidade, a asignación de tarefas no fogar ao pai e á nai e o reparto de horas para visibilizar cómo é necesario que exista unha corresponsabilidade e que non todo o traballo recaiga sobre a muller como ven sendo habitual”.
González engadiu que “en secundaria voltamos a facer o concurso de guións cinematográficos que iniciamos o ano pasado. Nesa edición estivo cinxido ao que era a violencia de xénero e neste 2010 quixemos amplialo un pouco máis e por iso se chama Promovendo a igualdade. Está dirixido ao alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO e dos ciclos formativos e entendemos que o cine é unha das mellores ferramentas de aprendizaxe para poder conseguir o obxectivo de ir impregnándoos dos valores igualitarios nun formato que lles pode servir para ir traballando outras asignaturas á hora de facer e elaborar o guión”. Os traballos poderán presentarse ao longo do mes de xaneiro, despois será elexido o gañador e a curta baseada nese guión rodarase en febreiro para presentarse o 8 de marzo coincidindo co día da muller traballadora.
A responsable do CIM subliñou que “desde a Concellaría da Muller de Ribadeo se ven pensando que a mellor forma de prever a violencia de xénero é con educación en igualdade para que os máis pequenos e as máis pequenas vaian medrando con eses valores”.
Ao acto de presentación desta tarde asistiron as orientadoras dos centros de ensino que colaboran na campaña: colexios Gregorio Sanz e Sagrado Corazón, IES Dionisio Gamallo Fierros e Porta da Auga e ciclo de formación profesional Porta da Auga.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive