14 de Outubro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Uns 80 alumnos e alumnas asistiran ao espectáculo “Contos coas mans abertas” no Valadouro

20-12-10

Nota de prensa

‘Contos coas mans abertas’ sensibilizará sobre a solidariedade internacional mañá no Valadouro

– O Concello organiza a representación en calidade de membro do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que promove esta xira por vinte municipios

– O espectáculo da Tropa de Trapo, dirixido ao alumnado de Secundaria do IES Alfoz-Valadouro, inclúe música en directo con instrumentos de diferentes países

O Valadouro, 20 de decembro de 2010. A xira ‘Contos coas mans abertas’ promovida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade dentro das súas actividades de sensibilización chega mañá martes 21 de decembro á vila lucense do Valadouro. A representación, organizada polo Concello en calidade de membro da entidade municipalista, terá lugar ás 13.00 horas no centro sociocultural, xuvenil e da terceira idade ‘Manuel Lourenzo’, e está dirixida a uns 80 alumnos e alumnas de 1º a 4º curso da ESO.

O espectáculo músico-teatral ‘Contos coas mans abertas’, creado expresamente para esta campaña pola compañía compostelá A Tropa de Trapo, percorreu ao longo deste ano preto de vinte Concellos asociados ao Fondo Galego de Cooperación. Canda O Valadouro, foron Xove, Ramirás, Arteixo, Porto do Son, Ferrol, Cambre, A Estrada, Salceda de Caselas, Culleredo, Ames, Mos, Nigrán, Verín, Carballo, Burela, Abegondo, Cangas e Poio os lugares seleccionados para acoller as representacións.

A proposta, enfocada para público adolescente e adulto, baséase en contos narrados a dúas voces onde a música en directo cobra especial relevancia. Instrumentos como a guitarra, a kalimba, o goni ou o laúde árabe mergullan aos espectadores en historias reais, recollidas case todas en primeira persoa, contos sinceros e achegados que falan do fondo humano que nos une a todos. Sen caer en tópicos sobre a solidariedade e a cooperación, ‘Contos coas mans abertas’ é un espectáculo cheo de esperanza, de humor, de amor, de pequenas loitas e grandes soños. Son contos para mellorar o mundo e entendelo mellor.

Mulleres da aldea, cooperantes, guerrilleiros sandinistas, vacas, inmigrantes do Magreb ou unha tribo de bosquimanos son algúns dos protagonistas das historias contadas por Marta Ortiz e Brais Gutiérrez, dous ensinantes de vocación que en 2006 xuntaron as súa inquedanza pola narración oral no proxecto A Tropa de Trapo. Dende entón levan percorrido toda Galicia, e mesmo outras Comunidades Autónomas, facendo reflexionar a nenos, mozos e maiores cos seus diferentes espectáculos.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha rede que actualmente engloba a 96 Concellos e ás catro Deputacións de Galicia. Foi fundado en 1997 como un foro a través do que consensuar e concentrar os esforzos dos poderes locais galegos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Trátase deste modo de garantir unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos ambiciosos que teñan un verdadeiro impacto nos países do Sur e facilitar unha meirande sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.

Desde a súa fundación, a asociación ten desenvolvido 135 proxectos en máis de 20 países, e organizado e editado multitude de actividades e materiais en relación aos desequilibrios existentes entre os países do Norte e do Sur. Ten garantido a presenza da solidariedade do pobo galego nas catástrofes que afectan a aqueles países do mundo con menor capacidade para as enfrontar, con proxectos de reconstrución (como os casos de Sri Lanka, despois do maremoto de 2004, Cuba, despois dos furacáns de 2008 ou Gaza, despois dos bombardeamentos israelitas de finais de 2008 e primeiros de 2009). Na actualidade mantén aberta unha conta de emerxencia para a reconstrución do Haití.

SERVIZO DE COMUNICACIÓN

Carmen Novas      616 145 077

comunicacion@fondogalego.org

Contos coas mans abertas – A Tropa de Trapo

CALENDARIO DE REPRESENTACIÓNS

06/06/2010 RAMIRÁS (Ourense)  Centro Social e Cultural do Picouto 18.00 h

Ramirás Solidario, inclúe exposición  ‘Os obxectivos do milenio’

15/06/2010 ARTEIXO (A Coruña)  Centro Social do Frixol   19.00 h

20/08/2010 PORTO DO SON (A Coruña)

Xornadas Solidarias

24/08/2010 XOVE (Lugo)   Aula Multideportiva (Concello)  20.00 h

Festas locais na honra de San Bartolo

04/09/2010 FERROL (A Coruña)

III Certame Solidario

21/09/2010 CAMBRE (A Coruña)

Día Internacional pola Paz

01/10/2010 SALCEDA DE CASELAS (Pontevedra)  Casa da Cultura 18.00 h

Peche ao Ciclo de Cinema Solidario e a exposición ‘Os obxectivos do milenio’

05/10/2010 A ESTRADA (Pontevedra) Teatro Principal (alumnos 2º Bach) 17.00 h

15/10/2010 CULLEREDO (A Coruña) IES Cruceiro Baleares   11.00 h

18/10/2010 AMES (A Coruña)  IES de Ames

Día Internacional da Pobreza

20/10/2010 NIGRÁN (Pontevedra)  Escolas Probal    11.30 h

29/10/2010 MOS (Pontevedra)  Auditorio do Multiusos de Petelos 19.30 h

16/11/2010 VERÍN (Ourense)  IES Xesús Taboada Chivite  10.30 h

Día Internacional da Tolerancia

25/11/2010 CANGAS (Pontevedra)  IES María Soliño   11.30 h

Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra a Muller

26/11/2010 CARBALLO (A Coruña)

Feira das Asociacións

10/12/2010 BURELA (Lugo)  IES de Burela

Día dos Dereitos Humanos

15/12/2010 ABEGONDO (A Coruña)      12.30 h

Festa dos Maiores

21/12/2010       O VALADOURO (Lugo) Salón de actos Casa da Cultura “Manuel      Lourenzo” de O Valadouro  13.00 h

22/12/2010 POIO (Pontevedra)  IES de Poio    10.00 h

www.tropadetrapo.blogaliza.org

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive