15 de Xuño de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Veciños de Celeiro de Mariñaos aínda non cobraron as expropiacións para a autovía que abre o venres

31-01-11

Nota de prensa

ALFONSO FUENTE MANTERÁ MAÑÁ UN ENCONTRO COS VECIÑOS DE CELEIRO DE MARIÑAOS, QUE AÍNDA ESTÁN PENDENTES DE COBRAR O IMPORTE DAS EXPROPIACIÓNS REALIZADAS PARA A CONSTRUCCIÓN DA AUTOVÍA DO CANTÁBRICO. AO REXEDOR NON LLE PARECE MOI SERIO QUE O VENRES SE INAUGUREN OS NOVOS TRAMOS ENTRE BARREIROS E LOURENZÁ CANDO NON SE LIQUIDARON OS TERREOS XA OCUPADOS.

Barreiros, 31 de xaneiro de 2011. O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, manterá mañá un encontro cos veciños de Celeiro de Mariñaos, que aínda están pendentes de cobrar o importe das expropiacións realizadas para a construcción da autovía do Cantábrico, a A-8. E tamén se reunirá cos de Vilamar para analizar o arranxo dos camiños danados pola maquinaria que traballou nesas obras.

O rexedor explicou que “despois dun requerimento dos veciños de Celeiro afectados polas obras da autovía no tramo Barreiros-Vilamar, dado que o vindeiro venres ás 16:15 horas vai ser a inauguración e vai vir o ministro de Fomento, terei un encontro con eles. Os veciños dirixíanse a min preocupados porque a día de hoxe están pendentes de cobrar as expropiacións realizadas para executar esa obra”.

A Fuente Parga non lle parece moi serio que “se faga a inauguración da obra cando aínda faltan de liquidar terreos que xa están ocupados e que van formar parte desa obra. Tanto a min como alcalde como aos veciños nos parece moi ben que estas infraestructuras se poñan xa en servizo, pero hai que pagar os cartos pendentes. Mañá pola mañá me reunirei con eles para coñecer o número exacto de afectados e a cuantía pendente para trasladarllo ao Ministerio de Fomento para que canto antes faga efectivo o pago de ditas expropiacións”.

Por outra banda, o alcalde de Barreiros, sinalou que “hoxe os veciños de Vilamar terán unha asamblea, xa estivemos facendo un plano coas obras que eu lles solicitei ás empresas que tiñan que executar nos camiños desa zona e mañá tamén analizaremos estas demandas para trasladarlles tanto a COMSA como a Puentes os danos causados para que os arranxen. Na zona de Celeiro xa están traballando e despois o farán en Vilamar”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive