25 de Xuño de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Cervo organiza un concerto do grupo Malvela para celebrar o Día Internacional da Muller Traballadora

07-03-11

Nota de prensa

O CONCELLO CELEBRARÁ O DÍA DA MULLER TRABALLADORA O VINDEIRO DÍA 13 CUN CONCERTO DO GRUPO FEMININO MALVELA

* A actuación quere ser unha homenaxe ás mulleres do municipio e celebrarase no Auditorio municipal

* A entrada é libre e está aberta a tódolos públicos

Cervo, 7 de marzo de 2011.- O Concello de Cervo, a través da súa concellería de Asuntos Sociais organiza o vindeiro domingo, día 13 un concerto no Auditorio Municipal de San Ciprián coa actuación do grupo feminino Malvela para celebrar a conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora.

Segundo precisou a concelleira Pilar Armada, o acto quere servir de homenaxe a todas as mulleres do municipio e vén a cumprimentar outras actividades desenvolvidas dende o Concello co gallo desta festividade, como foron os campionatos de tute e parchís que se desenvolveron nas últimas semanas..

Armada precisou que a pesares de ser unha homenaxe ás mulleres a entrada ao concerto é libre e gratuíta para todas as persoas que queiran acudir a el. O Concerto comezará a partir das 18.00 horas.

MALVELA

Malvela está formado por un grupo de mulleres de distintas xeracións preocupadas por rescatar os cantos vellos da súa comarca, perseverando na teima de non deixalos esmorecer e de arquivar todo o patrimonio musical e etnográfico da bisbarra de Mos.

Amáis das voces da señora Carmen –que vén de editar un disco en solitario baixo o título de Na flor dos meus anos–, Silvina, Fita, Clara, Carmiña, Carme, Lina, Maruxa, Aurita, Dina, Teresa, Merchi, Adela e Juaniña, Malvela conta cunha variada formación instrumental na que se atopan Gustavo Domínguez ao acordeón e á zanfoña, Raquel Domínguez á gaita e as frautas, Pablo Ces ao bombo, Anxo Pardo ao tambor e ás tarrañolas, Abilio Santos ao cavaquiño, á viola braguesa, á harmónica, ao adufe e á voz; e, por último, Ana Senlle á percusión e na dirección vocal.

Tanto nos discos como nos directos, Malvela transmite un ambiente festivo ao que contribúe tamén o feito de ter xuntado distintas xeracións de mulleres, dende a veteranía dos oitenta e dous anos da señora Carmen até os vinteseis da gaiteira Raquel, a máis nova. Elas e todas as demáis rescatan eses cantares vellos coa súa forza e convicción naturais, que empregan ben a fondo cada vez que pisan un palco. Un concerto de Malvela é sempre participativo, unha ocasión única para desfrutar da mellor música popular de Galiza. Elas fan posible que a tradición musical galega reviva con frescura e espontaneidade e que chegue a todo tipo de públicos.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive