28 de Setembro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

As memorias de Xosé Neira Vilas

12-05-11

Diego Calveche Barranco .- As persoas temos por costume esquecer, deixar a un lado o vivido, como se nunca ocorrese. Se nos falan de emigración, pensamos en peruanos, colombianos, nos negros das pateras… que veñen en busca de mellores condicións de vida. Desafortunadamente, non recordamos que antes fomos nós, galegos, os que tivemos que emigrar, co mesmo obxectivo.
No IES Perdouro puidemos gozar da experiencia dun dos moitos galegos que se viron obrigados a abandonar a nosa terra. Foi Xosé Neira Vilas quen, con 83 anos plenos de vitalidade, mantivo con nós unha intensa tertulia.
O Presidente da Asociación Cultural Os Matos, o noso profesor Antón Niñe, presentóunolo. Recordounos que naceu na aldea de Gres, provincia de Pontevedra, fillo de labregos e que marchou a Bos Aires e alí traballou e estudou música, técnicas comerciais, literatura, e a carreira de xornalismo. Díxonos que naquelas aulas coñecería unha muller, Anisia, tamén descendente de galegos, coa que casaría en 1957, e que na capital arxentina mantivo o contacto con Galicia mediante diversas organizacións galeguistas, onde coincidiu cos grandes autores galegos da época: Eduardo Blanco Amor, Luís Seoane, Lourenzo Varela e Ramón de Valenzuela.
Xosé Neira Vilas presentounos a cidade arxentina como a capital cultural de Galicia durante os anos 50. Nela editáronse numerosos periódicos en galego, creáronse bandas sinfónicas, emisoras de radio, grupos de teatro galego, grupos de gaiteiros… Alí a comunidade galega gozou do privilexio de ser a única á que se lle concedía o préstamo do teatro Colón, o máis importante de todo o país.
Despois da contextualización, falamos tamén de Economía e da súa relación co nivel de vida. O escritor comentounos que a emigración americana supuxo unha importante entrada de diñeiro, grazas ao cal se puideron crear unhas 310 escolas en toda Galicia e reducíronse en grande medida as taxas de analfabetismo. Conseguiuse o obxectivo: que non se risen dos galegos por non saberen ler nin escribir ou por teren que facer os traballos máis duros. Ademais, grazas aos cartos procedentes da emigración, arranxáronse igrexas, abríronse camiños, construíronse cemiterios e centros sanitarios.
No referente á identidade, na emigración naceron destacadas institucións galegas como a Real Academia Galega, estrouse o himno e deseñouse a bandeira, que xa cubriría os restos de Manuel Curros Enríquez no seu traslado a Galicia.
Como neste ano se cumpre o 50º aniversario da publicación da súa obra máis recoñecida, Memorias dun neno labrego, o autor dedicoulle atención especial. Comentounos que a novela foi escrita nunha terraza de Bos Aires, ante a curiosidade dun dos camareiros, a quen posteriormente lle regalaría un exemplar do libro. Nas Memorias, Neira Vilas quería falar do campo de Galicia, mais a través “dun libro ben feito”, mostrando “o drama do campesiño contándoo con naturalidade, de xeito se vise como foi”. A preguntas nosas interesándonos pola repercusión da obra, o narrador falounos da grande cantidade de exemplares vendidos (no pasado e no presente), das numerosas teses feitas sobre el e das traducións e adaptacións ao teatro.
A través das Memorias dun neno labrego, Neira Vilas contounos numerosos recordos da súa nenez. Presentounos a súa familia labrega, o seu traballo como carteiro, a súa asistencia á escola (destacou a grande cantidade de quilómetros que tiña que percorrer cada día). Con certa melancolía, comentou que na súa infancia os problemas familiares abordábanse en conxunto, que nos momentos de reunión familiar os rapaces estaban presentes, e que naquela época a disciplina era considerada moi importante. Tamén debería selo na actualidade: “Non perdades a cultura do traballo”, dixo con palabras que chamaron a nosa atención.
Preguntámoslle pola escola do seu tempo e respondeunos que só había unha mestra para ducias de nenas e nenos de todas as idades, que dispoñían dunha pequena biblioteca e que estudaban en 3 enciclopedias: a do grao preparatorio (na que se quedaban a maioría dos rapaces), a de grao medio, e a de grao superior. Os rapaces acostumaban a ir á escola cando chovía, xa que estes eran os días en que non tiñan que traballar no campo. Con respecto ao idioma, dixo que a docencia se exercía en castelán, mais que os rapaces expresábanse fluidamente en galego. Como anécdota, comentou que as nenas acostumaban facer o camiño á escola coa mestra e que o costume cambiou no momento en que a docente deixou de empregar o galego na conversa espontánea.
Como quixemos saber máis sobre a súa familia, Xosé Neira Vilas falounos tamén das súas 3 irmás e dos 4 irmáns, que se viron forzados a emigrar. Esta referencia biográfica levouno de novo a desmitificarnos a emigración: “Os emigrantes conseguiron cartos para axudar as súas familias, mais non viviron tan ben como se pensa. Sufriron duras xornadas de traballo, durmían en calquera lugar, vivían de mala maneira… Moitos deles, retornaron e levantaron casas novas, mais continuaron vivindo nas vellas. Non estaban afeitos aos luxos…”
Definitivamente, con Xosé Neira Vilas disfrutamos; tivemos entre nós un “torrente verbal” co que, entre outros moitos contidos, aprendemos humildade.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive