O Valadouro, 28 de xullo de 2013. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, participou no acto de honra aos músicos das terras do Val do Ouro, promovido pola asociación cultural O Mundo de Galea en colaboración co organismo provincial.
O grupo folclórico da Asociación Cultural Amado Lar amenizou con música e bailes tradicionais a recepción de tódolos asistentes a este acto no que se inaugurou un monolito con placa conmemorativa e no que se fixo unha ofrenda floral na honra de todos os músicos que deron vida a bandas e a orquestras da zona ao longo de máis de cen anos.
O acto tamén serviu para presentar o libro “Lembranzas Musicais de Valadouro”, prologado por Pedro Rubal Pardeiro, fillo predilecto de Alfoz, e cuxa publicación contou co apoio da área de Cultura da Deputación Provincial, no cal se condensa a historia de máis de douscentos músicos recollida por María Paz Rodríguez Silva e Francisco Piñeiro González nun exhaustivo traballo de campo que ten por obxectivo servir de consulta ás novas xeracións e de punto de base para investigacións máis profundas.