O Pleno acordou este martes reclamarlle ao Executivo galego que se implique economicamente coa Rede de Centros de Atención a Maiores provincial, “pois é a administración que ten as competencias como marca a Lei de Dependencia”
Lugo, 30 de abril de 2024. O Pleno da Deputación reclámalle á Xunta de Galicia un plan de investimentos específico para a atención ás persoas maiores na provincia de Lugo que contemple a achega económica para sustentar o sistema desenvolvido pola Deputación e impulse as medidas necesarias para reformar os actuais centros que así o precisen e a construción doutros novos. A iniciativa do Goberno saíu adiante estes martes cos votos a favor do PSdeG e do BNG, e en contra do PP.
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, criticou que o pasado 4 de abril a Xunta de Galicia anunciou a súa intención de desenvolver un paquete de medidas dedicadas á construción de novos centros de maiores. Explicou que, segundo a Xunta, o investimento total desta iniciativa suma 18,5M€, que se concretarían en 24 medidas a desenvolver noutros tantos concellos galegos, pero Rivera desmontou este anuncio dos populares. “A Xunta de Galicia repartiu a dedo entre concellos afíns 18,5M€ que son do Goberno do Estado para residencias. Estes son datos obxectivos e sacados da resolución publicada pola Xunta, e non mo poden negar”, afirmou lamentado que a Xunta non explique de onde veñen os fondos. Apoiado en infografías, explicou que deses 18,5M€, máis do 64% vai a unha soa provincia; e dos 24 concellos nos que se vai actuar, 15 están gobernados polo PP, 10 deles en Ourense.
Rivera lamentou que o PP non coñeza a Rede Provincial de Centros de Atención a Maiores que a Deputación ten en funcionamento no rural da provincia de Lugo. “No Partido Popular teñen unha alta capacidade para difundir bulos e mentiras, pero as nosas residencias son públicas e sei que é un tema que lles doe e lles escoce, pero é así. Son públicas”. “Eu creo que é bastante obvio que queiramos que a Xunta se implique no proxecto, non llas queremos entregar, pero ten que exercer as competencias da Lei de Dependencia como se refire no artigo 64. Ten que pagar o que debe”. “Se de algo estou orgulloso é do proxecto de residencias desta Deputación de Lugo”, afirmou ao final do debate da moción.
Desculpas “polas mentiras sobre o CRAEGA”
Así mesmo, tamén saíu adiante unha moción socialista para esixirlle ao voceiro do Grupo Popular na Deputación Provincial de Lugo, Antonio Ameijide Osorio, que rectifique e pida desculpas aos veciños e ás veciñas da provincia e de Monforte de Lemos, así como ao Presidente da Deputación e á Corporación provincial “polas mentiras, as manipulacións e a desinformación sobre os motivos reais do traslado do CRAEGA de Monforte de Lemos a Lugo, xerando un discurso paralelo e inventado”.
A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, apuntou que Ameijide non “dubidou en mentir, manipular e desinformar para tratar de quitar rédito político a partires dun problema que creou o propio Partido Popular en colaboración co presidente do CRAEGA, Francisco López Valladares”. Afirmou que tanto a Deputación coma o Concello de Monforte actuaron sempre “con lealdade, transparencia e respecto á verdade. O certo é que as esixencias ao redor do uso exclusivo do Pazo de Tor foron só a cortina de fume deseñada a posteriori coa que se tentou agochar e obter rédito político dunha decisión tomada de antemán, de costas ao Concello, co visto e prace do ex Conselleiro do Medio Rural e da propia voceira do Partido Popular en Monforte. Sempre con criterios partidistas a prol do PP e de costas ás necesidades reais dos produtores ecolóxicos da provincia de Lugo e de Galicia”.
García Porto lembrou as contradicións nas que caeron os populares a respecto deste asunto, “a pesar de que cada día estaba máis acreditado que a Deputación non tiña ningunha responsabilidade nin tomara ningunha decisión que puidera facer marchar ao CRAEGA de Monforte, senón todo o contrario”. “A Deputación sempre apoiou dende a súa constitución ao CRAEGA, propoñéndolle outras edificacións válidas e tamén ofrecendo a mellora das instalacións”.
“Ameijide, agardo que nun futuro atenda máis á verdade e menos ao bulo demagóxico”, apuntou a socialista, quen defendeu que o seu grupo non vai deixar nunca de apostar pola lealdade institucional, tanto no trato entre administracións como nas relacións co resto dos axentes sociais. Transparencia, respecto e colaboración son as ferramentas que precisamos para facer avanzar a provincia. Rexeitamos a deslealdade, a mentira ou a terxiversación dos feitos como axentes empobrecedores do debate político e da xestión que todos temos encomendada a prol da nosa provincia”, manifestou García Porto.
Centro de Maiores de Cervantes
O Pleno aprobou unha addenda ao convenio entre a Deputación de Lugo e o Concello de Cervantes para a execución do Centro de Atención a Maiores que a institución vai construír nesta localidade da Montaña lucense. Inclúese que o Concello vai poñer a disposición unha parcela en San Román que cumpre coas condicións e requisitos do proxecto e do estudo xeotécnico.
“Hoxe damos un gran paso adiante. Un novo paso adiante para avanzar na construción da residencia de Cervantes. En apenas catro anos a Deputación de Lugo abriu seis centros de atención a maiores, o que fai un total de 9 en funcionamento (Ribas de Sil, Navia de Suarna, Meira, Pedrafita do Cebreiro, Castroverde, A Fonsagrada, Trabada, Ribadeo e Pol) e a Xunta de Galicia ningunha, senón que ten unha residencia dunha fundación privada aínda sen abrir e coa que agarda concertar prazas públicas. É esa a visión que ten o PP de servizos públicos?”, subliñou, ao tempo que lembrou que a institución provincial ten en marcha a construción das de Becerreá, A Pontenova, Guitiriz e A Pobra do Brollón, cumprindo así cos compromisos adquiridos.





















En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
Os deslizadores acuáticos enchen de diversión a praia dos Bloques. Onte, martes, estiveron operativos pola tarde e hoxe, mañá e o venres estarán dispoñibles de 11:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 horas. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, anima á rapazada “a achegarse á praia dos Bloques a gozar das actividades de verán que deseñamos desde o Concello. Hóuboas para todos os gustos e idades tanto na pista multideporte como na praia dos Bloques. Agardamos que disfruten estes días cos deslizadores acuáticos, xogando e pasando un mes de agosto o máis divertido posible”.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.



