Lugo, 23 de setembro de 2013.- Un total de 15 entidades da provincia de Lugo percibirán este ano 330.000 euros a través da renovada orde de inclusión social que promove a Consellería de Traballo e Benestar.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, fixo públicos estes datos durante a súa visita á sede de Cáritas Diocesana en Lugo, onde mantivo un encontro cos seus responsables para afondar na liña de diálogo continuo que o departamento autonómico mantén coas entidades.
A través desta orde, Cáritas Lugo contará este ano con máis de 120.000 euros, o que supón un 50 por cento máis do que recibiu en 2012. Con todo, Mato salientou que as distintas liñas de colaboración entre a Consellería e esta organización lucense ascenden a 440.000 euros desde 2009.
Esta nova orde de inclusión, que ten como fin apoiar as entidades que traballan coas persoas en risco de exclusión social, incorporou importante novidades este ano. Así, unificou as tres convocatorias que existían anteriormente (de comedores e albergues; de programas de inclusión para entidades; e de programas dirixidos ás persoas inmigrantes) nunha soa soa co obxectivo de facilitar o proceso.
Ademais, introduciu como requisito que as contías das axudas deberán estar vinculadas directamente coa cantidade de persoas que atende cada entidade. De feito, segundo explicou Mato, é por este criterio polo que se ditaminou un aumento da axuda en numerosas organizacións.
Esta orde inscríbese na aposta do Goberno galego por traballar “por e para as persoas máis vulnerables e que máis están a sufrir a crise”. Nese esforzo inclúense tamén os 35,3 millóns de euros que se destinarán á Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA), un 50% máis que o orzamento inicial de 2012 co que o departamento chegará a preto de 8.500 beneficiarios no primeiro semestre de 2013, un 33% máis que en 2012.
Mato destacou que a Xunta está a esforzarse “de xeito permanente para garantir a calidade de vida dos maiores, e ofrecerlles os mellores recursos e servizos. Así o demostran as máis de 2.800 prazas públicas que se puxeron a disposición dos galegos e galegas nos últimos catro en anos en residencias, centros de día e de alzhéimer”.
En concreto, no que se refire á provincia de Lugo, desde 2009 téñense creado máis de 500 prazas para maiores, un 35 por cento máis das que había ese ano.