Cervo, 3 de setembro de 2013- A Concellería de Educación, que dirixe Pilar Armada, anunciou este martes que a partir do día 12 o Concello de Cervo habilitará unha oficina de información e tramitación das bolsas para estudantes que outorga o Ministerio de Educación. Deste xeito, a veciñanza disporá dun punto de apoio para coñecer os detalles da convocatoria, resolver dúbidas e realizar os trámites, que nos últimos anos realízanse exclusivamente de forma telemática.
Poderán beneficiarse deste servizo todos os cervenses e para iso deberán solicitar cita previa chamando ao 666 38 78 50. A edil de Educación asegura que esta iniciativa pretende “facilitar e axudar á cidadanía durante todo o proceso de solicitude dunha bolsa para o estudo como unha parte fundamental do apoio á formación”.
Unha actuación que se inclúe no Plan de Redución do Abandono Escolar do Concello de Cervo, posto en marcha a través dunha subvención da Consellería de Educación, na que se inclúen ademais outras actividades que se veñen desenvolvendo nas últimas semanas. Unha delas son os obradoiros do programa Reaccion@, encamiñados a animar aos rapaces a que retomen ou continúen coa súa formación. Neste sentido estanse impartindo talleres de customizado de roupa e complementos, e de restauración e tuneado de mobles, que están tendo boa acollida e de forma igualitaria entre mozos e mozas.
Uns obradoiros que se están complementando ademais coa obtención de nocións sobre comercio electrónico e tradicional de forma que se anima á xuventude a emprender dotándoos de ferramentas para poder comercializar as súas creacións. Unhas actividades que se prolongarán durante o mes de setembro.