Lugo, 12 de febreiro de 2016.- A candidata á presidencia do Partido Popular de Lugo Elena Candia incorporará á dirección do partido á presidenta do PP de Monforte e deputada autonómica, Julia Rodríguez, e ao cervense Antonio Basanta, xefe de gabinete da Consellería do Mar e ex presidente de NNXX a nivel provincial. Agradece ademais o apoio á súa candidatura que ambos os dous lle teñen trasladado.
“Agradezo o apoio da presidenta do PP de Monforte, a segunda cidade da provincia en número de habitantes, e estou segura de que o proxecto que temos para o partido contribuirá a fortalecer o funcionamento de todas as nosas agrupacións locais”.
A ex presidenta da Deputación agradece de xeito especial a colaboración que está a recibir de todas as agrupacións locais co seu equipo. En concreto, Julia Rodríguez tenlle trasladado a confianza no seu proxecto de futuro para o PP de Lugo apuntalado “na experiencia e na renovación dun proxecto alcanzado coa colaboración de todos”.
Elena Candia valora tamén a integración no seu equipo de Antonio Basanta polo seu coñecemento do partido e a súa dedicación. “Basanta tivo un papel destacado no fortalecemento de Novas Xeracións e agora está a facer un extraordinario traballo no equipo de Rosa Quintana”, explica.
O equipo que lidera Elena Candia e Ramón Carballo fará este venres entrega das sinaturas que avalan o seu proxecto para presidir o partido na provincia de Lugo.
Perfil Antonio Basanta
Antonio Basanta, natural de San Cibrao, foi concelleiro en Cervo entre 2003 e 2009 e actualmente é xefe de gabinete da Consellería do Mar. Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración foi presidente de NNXX do PP de Lugo entre 2006 e 2010 e xefe de relacións institucionais e internacionais da Consellería do Mar entre 2009 e 2012. Foi ademais mariñeiro e conta cun máster en economía pesqueira.