19 de Outubro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Rematou o traballo do obradoiro de emprego Ribadeo no tempo II, que estivo a dixitalizar os libros de actas entre os anos 1537 e 1738 e a revisar e inventariar o fondo documental do arquivo municipal de 1537 a 2013

24-03-17

230317 Foto obradoiro emprego remateRibadeo, 23 de marzo de 2017. O alcalde, Fernando Suárez, e a concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Martínez, despediron ao persoal do obradoiro de emprego Ribadeo no Tempo II, que finalizou hoxe as súas actividades.

O obradoiro de emprego, que contou con 19 traballadores, tivo unha duración de seis meses nos que os alumnos e alumnas participantes recibiron formación en materia de xestión de documentos e de dixitalización aplicada ao patrimonio documental coa finalidade de mellorar a súa inserción laboral.

Xunto co desenvolvemento do proxecto formativo, o persoal do obradoiro de emprego Ribadeo no tempo II, levou a cabo un traballo de revisión do fondo documental do arquivo municipal, datado entre o ano 1537 e o 2013, que concluíu coa elaboración dun inventario e a súa informatización nunha aplicación de xestión de documentos que facilitará a consulta e o acceso ao patrimonio documental do Concello por parte de investigadores, estudantes e usuarios en xeral.

Tamén se dixitalizaron os libros de actas consistoriais do período comprendido entre 1537 e 1738, que contan cun gran valor patrimonial e histórico co obxectivo de acadar unha mellor conservación dos mesmos e á vez mellorar o servizo de acceso e consulta por parte da cidadanía.

Nas vindeiras datas celebrarase o acto de clausura do obradoiro de emprego no que se presentará a nova web do arquivo municipal desde onde se poderá acceder a todo o traballo desenvolto en prol da posta en valor desta importante parte do patrimonio cultural de Ribadeo.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive