23 de Xullo de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Con Pólvora e Magnolias: “20 anos de compromiso”, por Pablo Álvarez Ramos

09-05-19

O pasado sábado 4 de maio tivo lugar a gala benéfica conmemorativa do 20 aniversario da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña.
A concorrencia multitudinaria ao evento non só puxo de manifesto un respaldo popular ao traballo da entidade que transcende á propia comarca, senón o crecente interese social pola saúde mental.
E non vaian a pensar que é esta unha cuestión menor, xa que de xeito intrínseco agroman novas realidades:
– A conciencia do coidado da mente coma unha problemática do noso tempo que require solucións inmediatas.
– A paulatina normalización das enfermidades psiquiátricas.
O corolario lévanos á conclusión inequívoca de que algo se está mudando hoxe e o que aínda non se decatara chega tarde.
Servidor é membro dunha xeración que comezou a recibir en primaria leccións sobre educación sexual; a represión que antecedía e a auto-censura levábanos aos varóns a facer grazas coas que disimular a vergoña. Nenas e nenos familiarizábanse cos métodos anticonceptivos inexistentes outrora cando embarazaban na adolescencia.
Paseniño fomos asimilando que só no respecto e na liberdade tiña cabida a sexualidade. Aínda hoxe seguimos camiñando, só que, alomenos, sabemos que imos na dirección correcta.
A saúde mental aínda ten que pasar polas aulas.
O culto á individualidade, a orfandade de referencias morais e o pulo económico fixo un home pos-moderno que aumenta cuantitativamente a súa esperanza de vida de xeito simultáneo á expansión das enfermidades mentais e ao incremento desmesurado do consumo de drogas e psicofármacos.
Neurolépticos, ansiolíticos, antidepresivos e estabilizadores de ánimo. ¿A canta xente próxima coñecen que os usen?
Alcohol, tabaco, cannabis, cocaína, heroína ou anfetaminas. Consumo compulsivo de azucre, ludopatía ou adicción ao sexo. ¿De que fuxe esta sociedade?
En termos de lóxica filosófica sabemos que vivimos “máis”, agora está por ver si mellor.
Canda enfermo mental é un heroe, un soldado en loita continua consigo mesmo e coa realidade que nos tocou . Teñen que pasar polas aulas.
Mentres a Asociación de Axuda ao Enfermo Metal da Mariña, cos seus 20 anos cumpridos, é vangarda, un precedente de xente organizada e solidaria en loita contra o estigma.
Por moitas primaveras máis.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive