25 de Xuño de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Os socialistas denuncian unha atención de emerxencias sanitarias “de segunda” na Mariña

07-06-19

Santiago de Compostela, 07 de xuño de 19. A parlamentaria socialista Patricia Otero acusou hoxe á Xunta de marxinar á Mariña de Lugo na distribución de servizos de emerxencias sanitarias. A parlamentaria de Viveiro presentou unha pregunta oral en Comisión para denunciar unha atención “de segunda” para unha zona de 1.660 quilómetros cadrados e que suma 80.000 habitantes no Norte de Lugo.

Otero lembrou a supresión dun dos técnicos sanitarios que integran ao persoal da ambulancia medicalizada de Foz, que incomprensiblemente foron eliminados do último concurso de transporte de emerxencias da Xunta xunto cos de Monforte e O Salnés. Denunciou que Sanidade tentara de xustificar esta decisión apuntando a un suposto “modelo pioneiro”, e reclamou que “fagan os experimentos con gaseosa” e “deixen un servizo no que está en xogo a vida das persoas”.

A redución das dotacións é “un novo ataque á sanidade pública da Mariña”, logo de ter reducido unilateralmente o horario da ambulancia asistencial de Foz, que o goberno galego recortou a 12 horas dende 2011. As protestas que provocou aquela decisión foron respondidas polo goberno galego apelando á atención dos helicópteros medicalizados, unha afirmación que se demostrou “falsa” por que a comarca está “fora das isocronas” destes recursos.

O “nerviosismo e protestas” xerados por aquela resposta suscitaron, lembrou, unha nova “fuxida adiante” do Executivo galego, que apelou a que o helicóptero Pesca II, con base en Viveiro, facía “traslados sanitarios”. Unha afirmación que os propios técnicos sanitarios evidenciaron como “enganosa” por canto aquel helicóptero realiza traslados dos rescatados no mar, e “sempre precisa do apoio do 061 dende terra”.

Patricia Otero puntualizou así que “o Pesca II non pode substituír o labor da ambulancia medicalizada de Foz, tal e como deron a entender os representantes do PP na Mariña cunha información deliberadamente sesgada e enganosa”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive