21 de Xullo de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Os socialistas denuncian o incumprimento pola Xunta dos compromisos parlamentarios para recuperar os Permex

10-07-19

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 19. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Loli Toja, denunciou o incumprimento, por parte da Consellería de Pesca, dos compromisos parlamentarios asumidos tamén polo PP para recuperar os permisos de marisqueo –Permex-. Toja presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento para preguntarlle ao goberno galego por un suposto Plan de Marisqueo de Galicia 2030 introducido polo PP nunha proposta e que en realidade “non existe”.

Toja explicou que o Parlamento aprobou no pasado mes de maio unha proposta socialista reclamando un plan específico para a recuperación dos permisos, na que o PP introduciu unha emenda instando á Xunta a “levar a cabo a implementación do Plan de acción do marisqueo de Galicia 2030”. Advertiu que resulta “imposible” localizar o dito Plan, que “non se atopa en ningunha publicación da Xunta de Galicia”.

A parlamentaria socialista critica que o PP propoña “a implementación dun plan que a día de hoxe non semella nin sequera estar elaborado, e que ademais está formulado a un horizonte de 10 anos vista”. Esixiulle así á Conselleira de Pesca que presente as previsións para aplicar o dito Plan, así como os principios nos que se basea, os obxectivos que perseguen e os indicadores previstos para valorar o grao de execución.

Toja reclamou “datos concretos” sobre a aplicación deste Plan, máis alá das “vaguidades” que presentou hoxe a conselleira de Pesca, sinalando literalmente que afectaría “seguro que para ben” ao sector, o que “non da idea dunha magnitude de número de empregos nin dunha cronoloxía determinada”, puntualizou a parlamentaria socialista.

Criticou que o PP e o goberno galego “tomen a broma” a situación do traballo no mar, que perdeu 1 de cada 5 empregos dende a chegada de Feijóo á Xunta, unha caída que é especialmente grave no caso das mulleres, que perderon 1 de cada 3 empregos. No caso dos permisos de marisqueo, a perda de emprego foi asumida integramente polas mulleres, que perderon 1.165 permisos dende 2009, mentres os dos homes aumentaron.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive