12 de Decembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Alcalde de Ribadeo asegura que o centro de atención a persoas maiores está a funcionar con total normalidade. Conta con 26 residentes aos que se irán sumando outros 18 nos vindeiros días

14-08-19

 Ribadeo, 14 de agosto de 2019. O alcalde, Fernando Suárez, asegura que o centro de atención a persoas maiores está a funcionar con absoluta normalidade. O rexedor manifesta que as incidencias que puideron producirse no seu arranque foron corrixidas o antes posible. Suárez Barcia subliña que a apertura dun novo centro destas características supón sempre un reto e un desafío e di que no equipo de goberno “somos moi sensibles co que poida pasar alí”. Na actualidade son 26 os residentes aos que se irán sumando outros 18 ao longo dos vindeiros días. O alcalde acusa de alarmismo, de excitación e de sobreactuación ao portavoz do PP no Concello. O centro de atención a persoas maiores protagonizou onte un dos plenos extraordinarios celebrados no Concello.
Fernando Suárez explicou que “celebramos onte o pleno que forzou a convocatoria do Partido Popular de Ribadeo sobre o suposto mal funcionamento do centro de atención de persoas maiores de Ribadeo. Desde o goberno municipal fomos e somos, desde o minuto un, sensibles ao que poida pasar alí porque se dalgunha cousa somos culpables é de poder ter realizado esta obra e de poñer a andar esta residencia para honra dos nosos paisanos e das nosas paisanas. Hai xa uns días convocamos a todos os grupos a unha comisión informativa onde viñeron os máximos responsables do funcionamento deste centro para darlles cumprida información aos corporativos das dúbidas que puideran ter. Así veu a directora do centro, que é persoal laboral da Deputación, tamén veu a funcionaria responsable do contrato entre a Deputación e a empresa que executa os servizos, e tamén veu o asistente social municipal”.
O rexedor contou que “nesta xuntanza deron cumprida información e responderon a todas as preguntas que lles puideran ter feito e onde quedaron aclarados varios aspectos moi importantes. En primeiro lugar que o centro sempre traballou cumprindo a ratio de usuario-persoal, e que nos traslados de usuarios ao centro de saúde ou consultas médicas cumpriuse a normativa establecida na lexislación de aplicación e nos pregos de prescricións técnicas. Tamén dixeron que o persoal que iniciou o traballo no centro e que ao cabo duns días non volveu, ben porque renunciou ou porque non pasou as probas, foi debidamente substituído por persoal coa titulación requirida e coa mesma xornada laboral, e que en definitiva, por problemas alleos ao Concello e á Deputación, aproximadamente durante quince días non se puido usar a cociña principal polo que, atendendo aos criterios dos técnicos, botamos man da contratación legal dun servizo de cátering da mellor calidade e de cercanía que funcionou marabillosamente. Desde hai xa varias semanas, o servizo de cociña está integralmente funcionando coa cociña da residencia sen maior problema. Finalmente, como todo o mundo pode comprender e como na vida mesma, a apertura dun centro novo, con novos usuarios e novos traballadores, supón un reto e un desafío no que sempre se van producir incidencias. Todas estas incidencias que ocorren aquí, e máis na China Popular, están sendo corrixidas e sempre con maior esmero e atención tanto por parte da Deputación, a través do seu persoal de dirección, como do Concello de Ribadeo”.
Suárez Barcia dixo que “toda esta explicación dada polos técnicos o outro día na comisión informativa, e da que quedaron conformes os diferentes voceiros e así figura na acta redactada polo secretario, serviulle de pouco ao voceiro do PP no pleno de onte e a aquela máxima de que non podía permitir que a realidade lle puidese cambiar un bonito titular. De aí que fixo gala desta correspondente dose que ten de alarma, de excitación, de sobreactuación, e deixou ben ás claras que pouca idea ten do funcionamento real das cousas, xa que mesmo quedou en ridículo ao descoñecer que o permiso de inicio de actividade o deu a propia Xunta de Galicia, que non o dá o Concello con ningunha licenza de apertura inexistente, na lexislación actual. Polo que xa indica o nivel de debate e de argumentario facendo gala daquela máxima popular de que moito ruído e poucas noces”.
O alcalde ribadense subliña que “o centro funcionou e funciona ben. Hai 26 usuarios e usuarias e nos vindeiros días irán entrando paseniñamente outros 18 máis, por mor da última comisión de valoración celebrada a semana pasada. É un orgullo para Ribadeo ter este centro que, como todo na vida que é novo, pode ter incidencias que se van resolvendo de maneira inmediata e eficaz, e se de algo somos culpables é de telo feito e loitado xunto coa Deputación para mantelo e lograr que funcione. Todo isto a pesares de que a Xunta do PP non deu un can en ningún momento nestes anos anteriores, amolou canto puido e un pouco máis, e agora este novo concelleiro, con ansias de bombeiro pirómano, queira botar terra en algo que tanto custou. Desde logo que non vai ser así, imos seguir traballando duramente e seguir sendo transparentes, pero non imos pasar ningunha mentira que esta persoa queira levar adiante”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive