28 de Novembro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A subdelegada do Goberno reúnese co alcalde de Foz, que lle pediu información de varios proxectos no seu concello

29-10-19

 Lugo, 29 de outubro de 2019.- A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o alcalde de Foz, Francisco Cajoto, mantiveron unha xuntanza, a petición do rexedor municipal, para tratar sobre temas relativos as comunicacións por estrada deste concello.

No encontro, a subdelegada respondeu á información solicitada días atrás polo alcalde sobre o proxecto para a reparación da ponte que discorre por riba da N-642 na zona de Mañente, que quedou fóra de servizo polos danos que lle causou un camión.

Isabel Rodríguez comunicoulle a Francisco Cajoto que Fomento ten aprobada unha actuación para a realización das obras de arranxo desa ponte e outras tres no mesmo municipio.

A decisión de ampliar os traballos a catro pontes sobre a N-642 existentes no concello de Foz tomouse logo de realizar unha inspección especial e dos pertinentes estudos topográficos. Para levar a cabo o proxecto, Fomento autorizou un presuposto total de máis de 473.000 euros.

A actuación prevista afecta aos pasos superiores existentes na N-642 nos puntos kilométricos 29+700, 32+300, 33+00 e 33+900. Todos eles presentan algún tipo de desperfecto, polo que se considerou necesario ampliar a actuación prevista, segundo lle informou a subdelegada ao alcalde.

Tamén trataron a subdelegada e o alcalde de Foz das alegacións presentadas polo Concello á futura Autovía da Mariña (A-74). Sobre este asunto, Rodríguez e Cajoto acordaron manter unha nova xuntanza, na que tamén tomarán parte responsables do ministerio de Fomento, na que falarán sobre o trazado da futura autovía ao seu paso por este concello mariñán.

O treito Foz-Barreiros da A-74 superou recentemente o trámite de información pública. O presuposto de licitación estimado das obras é de 241 millóns de euros. O trazado deste treito da Autovía da Mariña comeza no término municipal de Foz e remata na conexión coa autovía do Cantábrico (A-8), en Barreiros.

Trátase dunha actuación cunha lonxitude de 11,1 km para un treito no que se deseñaron tres enlaces: o de Foz, que dá acceso ao núcleo urbano; o de O Carme, que conecta coa estrada LU-152, e o de Espiñeira, situado ao final do treito, que permite a conexión coa autovía do Cantábrico (A-8).

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive